Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As Adegas Gran bazán consiguen o selo de Galicia Calidade para os seus viños

Tamén se incorporan ó selecto clube Leite Río. Conservas del Noroeste e Finca Millara // Xa son oito as adegas de Rías Baixas que superaron a selección

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a tráves de Galicia Calidade, vén de incorporar ao selo autonómico produtos das empresas alimentarias Grupo Leche Río (Lugo), Conservas del Noroeste (Vilaboa) e as adegas Gran Bazán (Vilanova de Arousa) e Finca Millara (Pantón), logo de superaren os controis de calidade realizados pola entidade pública. Con estas novas adhesións o selo de garantía suma os produtos e servizos de máis de 135 empresas galegas. Hai que lembrar que recentemente Galicia Calidade tamén incorporou as empresas Viña Costeira, Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, Freshcut e Pementos Carmucha.

A marca de garantía continúa no seu labor de certificación das empresas máis representativas do sector alimentario galego. No ámbito do sector lácteo galego, son xa tres empresas punteiras as que contan co distintivo: Feiraco, Larsa e agora Leite Río, tanto para as marcas Leite Río como para Leyma. No ámbito da conserva, coa chegada de Conservas del Noroeste, que conta como marca máis coñecida Cabo de Peñas, Galicia Calidade conta tamén coas empresas Jealsa e Luís Escurís Batalla, en peixe, e Conservas A Rosaleira no mundo vexetal.

No referente ao sector vitivinícola son xa 18 as adegas que contan cos seus viños amparados polo selo de calidade, onde están presentes as cinco denominacións de orixe. Na D.O. Rías Baixas coa chegada de Gran Bazán, son xa 8 as adegas certificadas: Adega dos Eidos, Adega Valdés, Terra de Asorei, Altos de Torona, Paco & Lola, Señorío de Rubiós e Valtea. Na Ribeira Sacra, Finca Millara súmase a Regina Viarum e Vía Romana. Ademais, a D.O. Valdeorras conta con tres adegas: A Coroa, Ruchel e Terriña; Monterrei suma dúas adegas, Gargalo e Quinta do Buble; e o Ribeiro coa recente incorporación de Viña Costeira suma dúas adegas xunto a Bodegas Nairoa.

Galicia Calidade conta na actualidade con máis de 400 produtos certificados de máis de 135 empresas galegas, onde o sector alimentario e o sector turístico- hoteis, restaurantes, casas rurais e clubes náuticos- suman case o 90% do total.

19 oct 2020 / 20:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito