Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As obras de humanización e accesibilidade no Piñeiriño comezarán en outubro

A empresa Servicios Medioambientales del Miño, SL presentou a mellor oferta cunha rebaixa de case 50.000 euros e o compromiso de varias melloras // A actuación afectará ás rúas Fontecarmoa, Álvaro Cunqueiro e Francisco Porto, que case triplicarán o ancho das beirarrúas

A primeira fase das obras de humanización e mellora da accesibilidade do barrio do Piñeiriño comezará con toda probabilidade a mediados de outubro, unha vez que hoxe a mesa de contratación decidiu propoñer a adxudicación á empresa Servicios Medioambientales del Miño, SL. Tendo en conta os prazos ata a firma de contrato –presentación de nova documentación, revisión, adxudicación final pola xunta de goberno, acta de replanteo, etcétera- a execución debería comezar na primeira quincena de outubro. O prazo de execución é de cinco meses. As obras están incluídas no Plan Concellos da Deputación Provincial.

Como se sabe, esta é a primeira actuación dun proxecto moito máis ambicioso para humanizar ese barrio, nado nos anos 70. De feito, nesta primeira fase terá un protagonismo especial o ensanche das beirarrúas das rúas afectadas: Francisco Porto Rey, Álvaro Cunqueiro e Fontecarmoa (esta no seu tramo final, o que une as dúas anteriores coa avenida de Cambados). As beirarrúas, hoxe de dous metros, pasarán a ter, despois das obras, 5,5 metros, e as interseccións terán forma de orella, cun ancho de oito metros. Na rúa Fontecarmoa apenas pasarán dos tres metros, tendo en conta as súas características. En todo caso, iso implicará non só eliminar as barreiras arquitectónicas para mellorar a accesibilidade, senón a instalación de mobiliario urbano e vexetación.

Precisamente neses aspectos inciden as melloras que formulou a empresa provisionalmente adxudicataria, ademais de rebaixar case 50.000 euros do prezo de saída (206.000 euros): por unha banda, instalar un pavimento de formigón de maior calidade que o previsto no proxecto orixinal; e, por outra, instalar papeleiras mellores e incrementar o porte das árbores –magnolias kobus- contempladas no proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais. Dada a amplitude da calzada nestas rúas, non será preciso prescindir dos estacionamentos, simplemente se cambiará a actual disposición en batería, por outra en liña, que ocupa menos espazo.

16 sep 2020 / 14:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.