Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cambados súmase á terceira edición do certame “Vilas en Flor”

A iniciativa esta organizada pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) // Chantada e Allariz foron as localidades que acadaron mellor puntuación na pasada edición

O programa “Vilas en Flor”, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 40.000 habitantes, chega este ano á súa terceira edición con doce novos concellos participantes confirmados. Este ano, incorpórase á lista de participantes o municipio pontevedrés de Cambados xunto cos concellos de Fene, Guitiriz, Lalín, Narón, Pontedeume, Sada, Salceda de Caselas, San Sadurniño, Sarria, Ames e Tui. Desta forma, xunto cos participantes do ano pasado (Allariz, Caldas de Reis, Chantada, Salvaterra de Miño, Betanzos, Culleredo, Cuntis, Tomiño, A Guarda, Carballiño, Gondomar, Mondoñedo, Ortigueira, Ponteceso, Portomarín e Baiona) xa son 28 os competidores desta terceira edición. A organización continúa a rolda de contactos coas localidades galegas para animar á participación dos concellos galegos.

O concello de Cambados ten un estreito vínculo co mundo do paisaxismo e a ornamentación. Desde o concello vense traballando durante os últimos anos en diferentes obradoiros de emprego de xardinería forestal e carpintería. O obxectivo deste tipo de iniciativas é potenciar as rutas de sendeirismo polos Espazos Naturais así como mellorar os numerosos parques e xardíns.

En canto aos espazos naturais, o concello de Cambados está traballando para introducir elementos interpretativos ademais de restaurar elementos de materiais degradables pola contorna. Por outra parte, desde o concello están a dar un aire novo aos espazos abertos do centro da vilas, así como a realizar a plantación dalgunhas especies de arborado autóctono, o uso de rego respetuoso co medio ambiente tendo en conta o horario solar ou a posta en marcha de programadores para facilitar o aforro de auga así coma a limpeza de lixo dos espazos ou a eliminación de plantas invasoras entre outras moitas máis.

O PROGRAMA. Vilas en Flor persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, seguindo o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.

É un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

No último trimestre do ano un xurado realizará as visitas a todos os concellos participantes e decidirá que concellos son merecedores de algunha distinción así como de subir ou baixar o número de flores que alcanza cada concello ata un máximo de cinco.

02 oct 2020 / 12:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.