Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Como conseguir que os turistas se poñan na pel dos mariñeiros

“A primeira visita eran de Madrid, case lle tiven que quitar o rastro da man porque non mo devolvían”, conta Rosa Millán promotora dunha das iniciativas

Acompañar aos traballadores e traballadoras do mar durante a faena e coñecer en que consiste o seu labor, que aparellos empregan, que especies capturan, en definitiva, achegarse á súa profesión e á súa relación co noso Atlántico, é o que ofrece o turismo mariñeiro. Unha experiencia para descubrir todo o esforzo que hai detrás dun mexillón, unha ameixa ou un sargo e valorar os recursos que nos ofrecen os aproximados 1.500 kilómetros de costa cos que conta Galicia, máis alá de praias e chiringuitos.

O GALP Ría de Pontevedra promoveu xunto cos GALP Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda, a iniciativa Mar das Illas, que ten como obxectivo fomentar a pesca turismo e o turismo mariñeiro dende o propio sector pesqueiro das Rías Baixas e atópase actualmente na súa terceira fase.

No marco desta iniciativa, son seis os proxectos que resultaron seleccionados: tres de turismo mariñeiro e outros tres de pesca turismo. Foron as de Sauro Martínez de Sanxenxo, José Manuel Agulla de Bueu, Francisco Javier Costa de Cangas, Severino Casal de Redondela, Eduardo Martínez de Vilanova de Arousa e Rosa María Millán da Pobra.

Todos eles lanzaron xa a mostra piloto das súas propostas enfocadas en poñer en valor a labor dos traballadores do mar, promover o coidado dos recursos, valorizar os produtos da pesca e do marisqueo e situar ao sector como unha saída laboral de futuro para a xente moza.

TURISMO MARIÑEIRO. José Manuel Agulla decantouse por deseñar unha visita na que difundir a cultura mariñeira da sía vila, Bueu. “Ensinareille como era antigamente mediante unhas imaxes históricas que temos preparadas, tamén as embarcacións tradicionais e as artes que se utilizaban antes, e de aí pasaremos ao peirao para ver os meus barcos e falarlles da miña experiencia”, explica. O percorrido dura unhas dúas horas e nel poderán participar ata 15 persoas.

Os outros dous proxectos de turismo mariñeiro ocúpanse do marisqueo a pé e xa levan tempo funcionando. O primeiro deles ten selo barbanzán, concretamente da Pobra do Caramiñal, onde os visitantes poderán coñecer mellor á ameixa japónica, fina e babosa, o berberecho e a navalla. “Explicamos tamén algo de teoría sobre ecoloxía, sustentabilidade e incidimos na importancia de manter as augas limpas”, explica Rosa María Millán, a responsable deste proxecto. Trátase dunha actividade lúdica da que poden disfrutar tanto nenos como maiores, “a xente que se apunta está moi interesada. Na primeira visita que fixen, era unha xente de Madrid, case lle tiven que quitar o rastro da man porque non mo devolvían”, rememora Millán.

En Redondela, Severino Casal convida a explorar a Enseada de San Simón caracterizada polas súas augas calmas, tanto que “ás veces parece un lago”. “A ruta do marisqueo a pé é coas mariscadoras, nas praias de Cesantes. Ensinámoslles as especies, a diferenciar os mariscos e invitámoloas a coller o rastro”, apunta. A visita permite –tamén– ver como se extra o carallote (longueirón vello) ou os poliquetos ata observar as ovas dos chocos, e coa marea baixa, a seba “o prado mariño”.

PESCA TURISMO. Ao Playa de Sanxenxo, o barco de Sauro Martínez poden subir ata catro persoas para acompañalo a el e a súa tripulación durante un anaco da súa xornada de pesca artesanal. Coñecerán a pesca coa arte das nasas mentres gozan das paisaxes do arquipélago de Ons, Punta Cabicastro ou a praia de Montalvo.

Xa en Vilanova de Arousa, o mexillón é o protagonista da iniciativa de Eduardo Martínez. A súa embarcación artesanal, o Mar-pra, pode transportar ata catro visitantes que aprenderán sobre o cultivo do molusco. “A miña intención é explicarlles o proceso dende que se recolle nas rochas a mexilla, ata a súa comercialización”, explica. Trátase dunha aproximación ao proceso do mexillón da man das persoas que o traballan, o cal promove a posta en valor da profesión e do molusco, o primeiro produto do mar da UE con en lograr o selo DOP.

Por último, dende Cangas, está a experiencia de Francisco Javier Costa, patrón maior da cofraría da vila morracense, el dará a coñecer a súa aposta pola pesca artesanal selectiva e sostible con palangrillo, arte coa que obtén peixe do día de gran talla e dunha máxima calidade. Ofrece aos visitantes –ademais– unha experiencia única, a de navegar ao pé dos cantís da cara oculta das illas Cíes, descubrindo as furnas e os seus recunchos menos coñecidos.

En definitiva, seis proxectos que –aínda que orientados ao sector turístico– permiten que o conxunto da cidadanía se aproxime á realidade dos traballadores do Atlántico a través de rutas deseñadas e explicadas polos propios profesionais co obxectivo de poñer en valor o seu labor e o das rías como fonte económica, recurso natural e alimentario.

Ademais, nun momento no que a situación epidemiolóxica está obrigando a planificar actividades en grupos pequenos e ao aire libre; o turismo mariñeiro é un plan perfecto para acercarse a un sector profesional cuxo traballo conta cun recoñecemento moito menor ao do produto que capturan.

Motivación
“Non se pode vivir de costas ao mar”

··· Os promotores dos distintos proxectos coinciden nunha cousa: a súa motivación non é económica. O primordial é visibilizar as profesións do mar e o que representan para unha sociedade como a galega, dende o punto de vista alimentario, medioambiental e económico. ´”A idea é potenciar o que é o noso traballo”, apuntan.

···Lamentan a falta de relevo xeraional e que “a xente viva de costas ao mar”. “Temos que empezar a mirar o mar, deunos a vida a moitas vilas de Galicia e seguiránola dando se non faltan os recursos que temos aí”, agrega Francisco Javier Costa.

Os cursos de formación

··· Nas pasadas edicións de Mar das Illas formáronse a preto de 120 profesionais do mar como Guías Acreditados de Turismo Mariñeiro no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia grazas aos cursos de Iniciación ao Turismo Mariñeiro e de Pesca e Turismo Sostible. Para participar na fase de titoría foi requisito indispensable que polo menos un dos integrantes do proxecto estivese en posesión deste diploma acreditativo. Foi nestes talleres onde as seis iniciativas atoparon o pulo necesario para saír adiante.

Outras posibles visitas
Un mar de opcións

··· Máis alá das opcións que nos abren os GALP coas visitas guiadas, hai en Galicia un mar de opcións para disfrutar de actividades de turismo mariñeiro. Sen ir máis lonxe, a nivel museístico contamos con multitude de opcións: o Museo do Salazón en Moreiras (O Grove) centrado na arte da conservación das capturas cando non existía aínda a refrixeración ou o Barco Museo “Reina del Carmen” en Burela, onde se pode ver in situ o centro de traballo das embarcacións galegas que se adican á pesca de bonito no mar Cantábrico.

A Xornada Internacional celebrouse o 24 e 25 de setembro
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a primeira xornada do evento

Santiago. O 24 e 25 de setembro celebrouse a Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo, así como tres actividades para divulgar o marisqueo entre a comunidade educativa de Bueu, Redondela e a Pobra do Caramiñal. Así o acordaron na reunión mantida esta mañá en Marín, a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto Zas, a xerente do GALP Ría de Arousa, Rosa Carballo Martínez, a representante da Asociación Mar Seguro de Galicia, Paula Pardo Fernández, a técnica de Babadiva Ambiental, Mª Teresa Ramos Covelo, e Loreto Alonso Santoro de Spica sistemas audiovisuais.

A crise do coronavirus fixo que o programa previsto para a Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo tivese que mudar cara a unha fórmula que combinará conferencias online e presenciais.

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a primeira xornada do evento o día 24 de setembro, de 16.00 a 19.00 horas. Trala inauguración e presentación do congreso, que poderá seguirse en streaming, darán comezo as seis exposicións, tres delas online. As exposicións farán unha radiografía do estado no que se atopa o turismo mariñeiro en Europa e relatarán algunhas das experiencias que se están a desenvolver en Galicia, Portugal ou Cerdeña (Italia). Ademais, informarán sobre os resultados do programa Mar das Illas 3.

As entidades e persoas interesadas en acudir a este evento deberán inscribirse previamente; o aforo será para un máximo de 30 asistentes. Todos eles estarán obrigados a cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias pertinentes (uso de máscaras, xel hidroalcohólico e distancia física).

A Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo continuou o 25 de setembro coa realización dunha visita guiada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas con saída e chegada desde Cangas na que participarán esa trintena de persoas anotadas previamente.

XORNADAS ABERTAS. A finais dese mes, tamén se puxeron marcha tres xornadas abertas á cidadanía co obxectivo de que as mariscadoras e mariscadores das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo lles conten aos visitantes como é o seu día a día na praia, que aparellos e técnicas utilizan para mariscar, os trazos característicos de cada especie. Trátase dunha actividade dirixida á comunidade educativa de Bueu, Redondela e a Pobra do Caramiñal.

20 sep 2020 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.