Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Luis Rei: o faro que continúa alumeando

Culturmar publica ‘Farol perpetuo na néboa. Luis Rei e a cultura marítima’, unha obra que lembra a traxectoria do escritor meco

Culturmar, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, distribúe estes días polos quioscos e librarías unha publicación especial, baixo o título de Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a cultura marítima. Unha obra coa que a entidade trata de homenaxear a figura do intelectual Luís Rei (O Grove, 1960- Pontevedra, 2015), un dos grandes activistas cos que contou Culturmar dende o seu nacemento en 1993 para o resgate, reivindicación e divulgación da cultura dos nosos mares e ríos, así como a dignificación das xentes que neles traballan.

O libro, preparado polo actual cordinador da revista Nova Ardentía, Emilio Xosé Ínsua, e polo catedrático e académico cambadés Francisco Fernández Rei, ambos tamén activistas de Culturmar, reúne en catro grandes apartados materiais diversos sobre a traxectoria de Luís Rei.

Nunha primeira parte, titulada “Letras con salitre”, reúnense os textos sobre cultura marítima e fluvial que Rei publicou en Ardentía e noutras revistas, varias conferencias, algúns prólogos, diversos proxectos de actividades, deseños de exposicións e roteiros, etc. Hai materiais editados e outros inéditos, que proceden do propio arquivo de Luis conservado pola súa familia, boa parte da cal foi entregado en depósito ao concello de Cambados para que faga parte do arquivo do futuro Museo Ramón Cabanillas.

Un segundo apartado do libro está formado pola serie Tópicos e (pre)textos para unha historia de Cambados, que Luís publicou orixinariamente por entregas no suplemento “Máis Cambados” do Faro de Vigo (edición Arousa), entre 2005 e 2007. Constitúe un achegamento ameno e simpático, mais non por iso menos rigoroso, á historia de Cambados, en particular, e do Salnés, en xeral.

Na terceira parte do libro recupéranse e transcríbense un total de dez entrevistas realizadas ao autor entre 2005 e 2015 por diversos medios, que encerran testemuños directos e opinións moi valiosas do seu pensamento e do seu quefacer en múltiples campos: a política, a investigación sobre o poeta Cabanillas, o traballo cultural, os proxectos nos que andaba e que a morte lle impediría culminar, etc.

Finalmente, nos “Apéndices” ofrécense unha escolma fotográfica que percorre a súa vida, un índice dos materiais que a súa familia legou en depósito ao Concello de Cambados e algúns textos dos responsábeis da edición que permiten calibrar na súa xusta medida todo o que a cultura galega debe a un Luís Rei que será sempre querido e recordado.

Vistas as restricións implantadas actualmente pola situación de pandemia, Cultumar decidiu pospoñer de momento os actos de presentación pública desta publicación que tiña previsto realizar en Cambados, Ogrove e outras localidades. Cando se poidan celebrar, farase oportunamente anuncio dos mesmos.

Un home multifacético e ampliamente recordado. A morte de Rei no verán de 2015, á temperá idade de 55 anos, caeu como unha xerra de auga fría no Grove, a vila que o viu nacer, e en Cambados onde maioritariamente desenvolveu a súa actividade profesional.

Bibliotecario e técnico de cultura na vila do Albariño adicou gran parte da súa actividade profesional ao estudo da figura de Ramón Cabanillas –”o poeta da raza”– sobre o que publicou obras como Ramón Cabanillas, xornalista cambadés (2001), con Xabier Camba, Camiño longo. Antre as roseiras de Cabanillas (2004) e Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades (2009); ademais de ser un dos principais promotores da celebración do Ano Cabanillas no ano 2009. Un traballo ao longo dos anos que lle valeu para que lle fora concedido o Premio Ramón Cabanillas, tras dúas décadas de traballo consagradas ao poeta, do que foi o seu primeiro biógrafo.

Máis alá do eido cultural, Rei foi edil no concello do Grove polo Bloque Nacionalista Galego, ademais de ser fundador e o primeiro presidente do Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES).

En definitiva, un home polifacético cunha enorme paixón polo mar e as embarcacións tradicionais e cuxa importante aposta pola acción colectiva fai que sea recordado con inmenso agarimo en ambas vilas arousás.

16 nov 2020 / 14:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.