Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Muxía doará o recolectado ás familias de refuxiados acollidas no municipio

Muxía. O goberno de Muxía (PSOE), que preside Iago Toba, fixo público un comunicado para aclarar, en relación á xestión da recollida solidaria para Ucraína, “as infundadas e mal intencionadas acusacións por parte dalgunha persoa anónima, seguramente vinculada a algún interese político para desacreditar ao executivo ante a falta de argumentos”.

Sinalan que “foi feita baixo a supervisión continua de autoridades locais e levada a cabo co bo facer de voluntarios e voluntarias que, de forma altruísta, quixeron axudar na organización da iniciativa”. Ademais, o alcalde “responde directamente por todas elas e agradece de forma infinita a súa colaboración”.

Unha vez rematada a campaña, e feita pública a listaxe, empaquetouse todo coa finalidade de enviar a mercancía a unha entidade galga-ucraína que ten como obxecto o transporte de doazóns ao pais afectado e as súas fronteiras.

“Neste proceso, familias refuxiadas establecéronse no noso municipio e noutros da comarca, e, baixo a supervisión e derivación de Servizos Sociais, decídese por parte do goberno local que estas familias ucraínas fosen as receptoras de todo o material que necesitasen da recollida feita polo Concello, pois o fin era o mesmo, axudar a persoas ucraínas vítimas da guerra”.

Por iso, engaden, decídese retrasar o envío mentres existan familias no noso municipio ou en municipios lindeiros beneficiarios da recolecta. Deste xeito, “estas familias poden coller o que necesitasen, sempre baixo a supervisión de Servizos Sociais, para levar un control e unha boa xestión e para evitar desconfianza de quen o cuestiona todo, como lamentabelmente ocorreu con esta infundada acusación”.

Unha vez que as familias non necesiten máis desta axuda, “o restante será enviado ao centro de distribución da entidade con sede na cidade da Coruña”. afirman. “Este é o único motivo do retraso do envío do que se acusa ao Concello de Muxía, desacreditando ademais unha acción solidaria e totalmente altruísta.”.

Lamentan que fronte ao “bo facer da maioría de veciños e veciñas do noso municipio, que colaboraron coa nosa iniciativa de xeito totalmente solidario e altruísta, existan covardes anónimos que poñan en dúbida o fin da súa aportación”. En ningún momento, aclaran, ao Concello de Muxía ou ao goberno local se dirixiu ningunha persoa para interesarse polo proceso ou en busca da resposta a calquera tipo de cuestión. Por este motivo, “sorprende que se optase por transmitilo aos medios de comunicación de forma anónima, infundada e indecente, xogando cun tema delicado e que require do máximo respecto e empatía”.

26 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.