Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O IES Monte da Vila, cuna de talento empresarial

Mozos do Grove acadan a terceira posición a nivel estatal na final do Young Bussiness Talents // O instituto local leva anos participando deste simulador empresarial chegando á final repetidamente

Catro mozos mecos acadaron durante o anterior fin de semana o terceiro posto na final estatal do simulador empresarial Young Bussiness Talents, que por mor da situación sanitaria provocada polo coronavirus, celebrouse por primeira vez de xeito virtual e non en Madrid, como viña sendo costume durante as pasadas edicións deste concurso.

O equipo Calculones que formaban José Couso, Julia Cousido, Raúl Salgado e Alan Otero comezou o programa durante o pasado mes de novembro xunto con máis de 3.000 equipos do conxunto do Estado. “Dende un principio o plantexamento era chegar a final a verdade” pois segundo subliña Raúl José Salgado: “sabendo que no pasado xa moitos equipos do instituto chegaran –incluso un equipo o ano pasado–, non queríamos ser menos”. Cun obxectivo claramente definido, este grupo de mozos –estudantes de 2º de Bacharelato durante o pasado curso– tomouse o programa “en serio” dende as primeiras fases preliminares coa intención de dominar o simulador no menor tempo posible.

Unha labor que lograron con creces, pois xa no mes de febreiro tras gañar as semifinais, coñecían que acudirían a Madrid á final estatal durante o mes de abril. Non obstante, a pandemia do coronavirus cortou tanto o normal transcurso da competición, pois a final perdeu a presencialidade e tivo que adiarse, como a preparación destes mozos. “A preparación para a final non foi exhaustiva. Xa dominabamos o simulador de todo o tempo que pasáramos utilizándoo, tomando decisións, pero si é certo que había certos aspectos do xogo que, ao pasar tanto tempo, non recordabamos; pequenos matices, que podían supoñer a derrota”, explica Raúl José Salgado.

Estas dudas levaron aos mecos a repetir na primeira fase da final, celebrada o pasado fin de semana, o mesmo plan que empregaran nas semifinais de febreiro, unha estratexia conservadora coa que deron inicio á gran final e que lles valeu para alzarse gañadores da primeira ronda. “A partir de aí, nos seguintes plans, foron poucos os cambios que fixemos, simplemente pequenos axustes, sabendo que as nosas decisións eran sólidas”, unha solidez que finalmente foi a que lle confiriu o terceiro posto a nivel estatal.

Agora estes rapaces enfróntanse a un novo reto como é o de dar comezo a unha carreira universitaria. A pesares dos grandes resultados acadados neste concurso, ningún dos catro mozos aposta por iniciar unha carreira relacionada coa economía ou a empresa. Non obstante “non descartamos facer un master relacionado coa xestión de empresas nun futuro; nunca se sabe. Ademais, somos conscientes da posibilidade dun futuro emprendedor nas nosas vidas”, sentencia Salgado.

Un gran responsable

Detrás de todo equipo debe haber unhas bases para o traballo común, mais é fundamental tamén unha dirección que saiba guiar ao traballo conxunto. Neste caso, esa labor desempeñouna José Vázquez Carpintero, profesor de economía no IES Monte da Vila e agora tamén –dende fai uns cursos– o seu director. Unha tarefa que o equipo de Calculones califica de “crucial” para a consecución dese terceiro posto na final estatal.

Realmente foi o propio Vázquez quen integrou o programa do Young Bussiness Talent no plan de estudos da súa materia de Economía.

Fíxoo ademais, cuns resultados extraordinarios pois o IES Monte da Vila clasificou equipos para a final estatal en Madrid repetidamente nos últimos anos, acadando incluso a vitoria no ano 2014 co equipo Complex, formado por Cristian Lijó, David Devesa e Joaquín Triñanes.

Un traballo –o deste docente– valorado excelsamente polos seus antigos alumnos. “A súa implicación exemplifícase de primeiras coa súa proposta de participar a todo o alumnado. Ademais, durante a totalidade do concurso, a súa axuda na resolución de dúbidas e na toma de decisións foi crucial para alcanzar o conseguido, axudándonos a entender mellor o mercado e os conceptos económicos para ser capaces de planificar as nosas estratexias”, explica Raúl Salgado.

Así funciona o concurso

Young Bussiness Talents preséntase como “unha potente ferramenta de learning by doing” que pretende recrear a realidade dunha empresa de venta de leite e iogur que compite en mercados nacionais e internacionais con outras empresas. Co obxectivo de obter a maior rendibilidade posible os diferentes equipos deben controlar os prezos dos productos e as marxes que se lle dan aos detallistas, así como a cantidade de vendedores e delegacions establecidas, os mercados e tipos de tendas nas que vender, a cantidade e tipo de publicidade que se fai dos productos e a empresa, o número de promocións de produtos que se fan ao ano, a cantidade de leite e de iogur a producir...

O obxectivo final dos equipos é, polo tanto, obter a maior cantidade posible de beneficios, avanzando dende as fases preliminares a nivel rexional até a gran final.

14 sep 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.