Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os 'Grovemakers' buscan xerar a presión social que precisa a Torre

O colectivo de creadores está a realizar unha campaña creativa para sensibilizar sobre a precaria situación na que se atopa o único BIC meco e a súa necesaria recuperación en prol do patrimonio histórico e cultural

“Hai quen di que a culpa é dos propietarios –porque teñen un inmoble que é Ben de Interese Cultural (BIC) e deixarono caer–, outros cren que a culpa é do Concello –que se tería que ter encargado– e hai tamén quen responsabiliza á Xunta –que son os que xestionan patrimonio–. Eu creo que non, a culpa é da sociedade. Da igual quen sexa o responsable, a nós como pobo estannos quitando unha parte moi importante do noso patrimonio, vemos como cada día cae un cacho máis, e aínda así non nos movemos”. Deste modo explica a ilustradora meca, Andrea Menéndez, a alarmante situación na que se atopa a Torre de Escuredo tras décadas de deterioro.

Menéndez forma parte do colectivo Grovemakers, un grupo de creadores mecos –ou residentes no Grove– que decidiu dende a súa conformación poñer o foco no eido cultural e histórico do pobo. “O Grove non é só turismo, temos un montón de potencial aquí dentro, historia e patrimonio do que parece que sempre renegamos”, explica Menéndez. A Torre de Escuredo constitúe, sen dúbida, un caso paradigmático desa mirada colectiva cara outro lado do conxunto da sociedade para co patrimonio do seu pobo. “Trátase do único BIC co que conta o concello, o máximo grao de protección que outorga Patrimonio, e mira como está... iso di bastante de nós como sociedade, como concello e como corporación”, resume.

Co obxectivo de realizar un exercizo de sensibilización social iniciaron os creativos mecos un proxecto que “medio en broma, medio en serio” acabou por designarse #Torremakers. Nel ofrecen a súa interpretación sobre o deteriorado ben inmoble en distintos formatos: ilustracións, bordados, bisutería, deseño gráfico, etc; poñendo o foco non só na Torre como elemento arquitectónico, senón tamén no seu vínculo coa historia meca. “O crecemento do balneario da Toxa ou da industria conserveira ten moito que ver con xente que tivo un vínculo moi estreito con ese edificio. Unha historia que se esmorece ao mesmo ritmo que a casa, xa que perde a súa anclaxe co mundo real, coa actualidade”, argumenta a ilustradora meca.

A historia da Torre, segundo explica o historiador meco Francisco Meis, remóntase ao 1700 cando se realiza a construción orixinal, coñecida como “Casa da Carrela”, pertencente á familia Fernández Mariño de Sotomayor, que desaparece do Grove a mediados do século XIX, momento no que se vende a propiedade a un indiano que chegaba de Cuba e que se ía a encargar da xestión do balneario da Toxa, Luis Mestre Roig. Este reformou a edificación ao gusto colonial: torre acristalada, salóns de estilo árabe e xaponés decorados por Arturo Mélida y Alinari –un dos artistas e decoradores máis importantes do XIX–, ademais de escadas de forxa e un exuberante xardín.

A incursión da edificación no escudo da vila, revela a importancia que tiña a casa xa na época. Existen diversas teorías ao respecto, non obstante, Meis atrévese a afirmar cun “95% de seguridade” que esta é a edificación inscrita na parte superior do distintivo meco. “Aparece a casa cunha torre xusto detrás e ao lado unha capela. Se te fixas hai tamén cipreses. Estes permaneceron ata finais dos anos 30 cando os Escuredo mercan a propiedade. Estes serviron de guía durante ao mellor cen ou douscentos anos para moitos mariñeiros, hai que lembrar que naquela época as casas son baixas, dun só piso. Os cipreses destacaban naquel núcleo mariñeiro de casas brancas e servían aos mariñeiros de guía para entrar no porto do Grove, daquela totalmente cheo de cons”, explica o historiador, quen en definitiva afirma que a Torre é “o elemento máis poderoso da vila no século XIX por iso aparece no noso escudo”.

Desa etapa dos Mestre na Torre, tanto Fran Meis como os propios Grovemakers queren destacar a figura do fillo varón, Luís Antonio, un xornalista e poeta moi importante na súa época, formando parte dos máis altos círculos intelectuais de Galicia, sendo íntimo amigo de Manuel Murguía ou Curros Enríquez entre outros.

Un dos creadores mecos puxo a súa faciana nun selo de “1 peso”, agradecendo o seu cariño e o da súa familia cara a vila “fronte aos que non dan un peso pola nosa cultura”. Pola súa banda, Meis destacao como “un personaxe incrible, tan humilde e misántropo que nunca quixo destacar”. Lamenta o historiador o existente curtoplacismo histórico que nos impide admirar a relevancia de figuras como a de Luis A. Mestre. “Semella que a nosa historia redúcese aos últimos sesenta anos, e non é así. Porque deixamos polo camiño a xente como Mestre, personaxes asombrosos e de gran categoría intelectual, entre os que se podería citar tamén a José Botana Barbeito, fundador de toda a historia dos colares da Toxa”.

Da man de Luis Antonio e debido á súa amizade pasaron pola Toxa persoeiros da época como a escritora Emilia Pardo Bazán ou o poeta Valentín Lamas Carvajal, “sendo moi probable que ambos estiveran nalgunha ocasión nun dos salóns –o árabe ou o xaponés– de tertulia da Torre”, explica Meis.

Luis Mestre Roig quixo que os seus dous fillos –Luisa e o xa citado Luis Antonio– contasen cada un coa metade da residencia, polo que dividiu a casa e o pazo. Os dous irmáns mantiveron contacto co Grove ata a súa morte, momento no que as dúas metades foron vendidas a dúas familias que fixeron fortuna no negocio da conserva: a parte de Luisa acabou nas mans da familia Lores, mentres que a de Luis Antonio recaeu nas da familia Escuredo, “adicada naquel entón á conserva pero que previamente traballaran no mundo da cerámica”.

Na parte dos Lores, a casa histórica foi amplamente reformada, construíndo no mesmo lugar unha famosa torre que as máis antigas xeracións do lugar aínda lembran. Este edificio seguía mantendo o encanto dun conxunto, a pesares de romper a súa uniformidade. Non obstante, a finais do século pasado consumouse a perda do 50% da Torre dos Mestre, e é que nese momento os Lores venderon a propiedade, que foi adquirida por unha construtora que levantou nese lugar un edificio moderno, levándose por diante tanto o señorío do inmoble como a metade do pazo. Unha nova construción que Fran Meis cataloga de “mamotreto urbanístico”, levantada naquel momento de xeito ilegal.

A parte dos Escuredo correu mellor sorte, con leves reformas, mantivo o espirito da vivenda, conformando unha paréntese señorial no entramado urbán do Grove. Non obstante, os anos foron pasando e a vida levou aos fillos do matrimonio Escuredo fóra da península meca, comezando a plantexarse a venda da propiedade a finais da década dos 80, momento no que o aparellador do concello, Rafael Fondevila, recomenda estudar a posibilidade mercar o inmoble para a súa conservación como propiedade municipal.

A suxerencia foi desoída polas autoridades políticas da época, e a pesares da catalogación do inmoble como Ben de Interese Cultural no ano 1995, o tortuoso proceso de deterioro da propiedade xa iniciara e prolóngase ata os nosos días.

Dende entón, foi o Partido Galeguista Demócrata de Fredi Bea e Félix Lamas, xa adentrados no século XXI, quen máis loitou pola implicación do concello na salvagarda “deste importante elemento do patrimonio meco”. Esforzos que non obstante, non conlevaron ningún cambio substancial.

A nivel social, a Torre continuou estando no imaxinario colectivo sobre todo no eido cultural. Artistas da vila como Cao do colectivo DelaRíaSquad ou o produtor Virvi Fraga empregaron emplazamentos da vivenda para realizar sendos videoclips. Do mesmo xeito o grupo teatral Enxebre acondicionou en varias ocasións a vivenda e a finca anexa para representar as súas funcións. Feitos que corroboran as apreciacións realizadas por Fondevila no seu momento que consideraba a Torre como “o sitio idóneo para a localización dun centro cultural”. E é que tal e como conta Andrea Menéndez, a pesares atoparse nun progresivo proceso de derrubamento, “a Torre sempre tivo algo que dicir”.

Nese sentido, os Grovemakers pretenden agora darlle voz a través das súas creacións artísticas ao maltreito inmoble. Unha labor que agradece profundamente Fran Meis, quen como historiador dedicou moito do seu tempo ao estudo e divulgación sobre esta histórica propiedade, en moitas ocasións sen éxito. “Falar sobre este tema ás veces é como falar para o aire, por momentos fíxome sentir desvalido”, explica con resignación Meis. “É por iso que cando aparece xente xoven como os Grovemakers, con sensibilidade e que se da conta de que o que estamos facendo é roubarlle ese patrimonio ás futuras xeracións, danche unha gran alegría”, destaca.

Só a presión social, que a través do seu proxecto intentan xerar os Grovemakers, pode revertir o proceso de derrubamento dun inmoble que, como xa quedou demostrado, zumega historia polos catro costados. “Falta orgullo propio para defender o noso patrimonio”, considera Meis, “se nos moven os marcos co PXOM a xente sae a rúa, se existe o risco de que peche Thenaisie todos saímos a protestar. Non obstante, vemos continuamente como se cae o noso patrimonio e non nos movemos”.

“Probablemente se estivese en Santiago, por exemplo, seguro que lle daríamos moito máis valor. Diríamos claro, conservano porque hai unha chea de xente que foi moi importante e pasou por esa casa pero aquí non, temos es rollo de ir polo mundo case pedindo permiso”, comparte Menéndez.

Por intentalo, non vai quedar e os “makers” anuncian que “existe toda unha programación que vai para longo, e que se vai modificando continuamente por mor das restricións sanitarias do coronavirus. Ao mellor o que tiñamos programado para xaneiro temos que facelo en marzo pero continuaremos poñendo o foco e intentando sensibilizar sobre a Torre”. Un esforzo que debería ser recompensado pola sociedade meca, sumándose a unha iniciativa que trata de que xunto coa pedra, non esmoreza tamén gran parte da historia do Grove.

25 nov 2020 / 14:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.