Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ravella eleva ata os 60.000 euros as axudas aos alumnos universitarios e de ciclos superiores

Na convocatoria do pasado ano concedéronse un total de 110 axudas: 90 becas por importe de 400 a universitarios e 20 de 200 euros a alumnos de ciclos superiores // Este ano a partida increméntase en 20.000 euros respecto ás últimas edicións

A Concellería de Educación do Concello de Vilagarcía vén de abrir o prazo para solicitar as Axudas Municipais para estudos universitarios e de ciclos superiores de Formación Profesional realizados fóra do termo municipal. O Concello incrementou este ano a partida destinada a financiar a medida ata os 60.000 euros, 20.000 euros máis que na pasada edición, co obxecto de poder chegar a máis alumnos, que poderán obter unha bolsa de 400 ou 200 euros para contribuír a financiar os gastos inherentes á realización da correspondente formación académica. As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal) ata o 17 de outubro.

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases reguladoras da liña de axudas municipais destinada a estudantes que, residindo en Vilagarcía, cursen estudos universitarios, de nivel similar ou ciclos superiores de FP fora do termo municipal. As subvencións concédense tendo en conta o nivel de renda familiar e ascenderán a 400 euros para estudos universitarios e 200 para os ciclos. Ademais de estar empadroados en Vilagarcía, un dos principais requisitos para acceder a estas subvencións é que, en caso de estudos universitarios ou de nivel similar, os alumnos teñan cursado un mínimo de catro materias anuais ou un mínimo de 30 créditos por curso. No caso dos ciclos superiores esíxese que os estudos se realizasen na modalidade de dedicación a tempo completo.

Todos os requisitos e documentación que deben presentar os solicitantes para acreditar a realización dos estudos figuran nas propias bases que tamén se poden consultar no taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.gal.

Esta será a quinta convocatoria desta liña de axudas creadas polo executivo socialista para garantir a igualdade de oportunidades no que á formación e estudos se refire, de xeito que a situación económica familiar non sexa obstáculo para elo, dado que o elevado custe que isto supón para as familias con economías máis febles. Por iso as axudas concédense en base aos niveis de renda familiar. Ademais, os requisitos de concesión flexibilizándose nas últimas edicións para evitar que as familias con economías máis febles puidesen quedar excluídas por manter algún tipo de débeda coa administración, precisamente, debido a súa precaria situación económica e tendo en conta ademais este ano a problemática engadida xerada pola pandemia do covid que conlevou o paro da actividade produtiva e a merma de ingresos por ERTES ou despidos.

Na anterior convocatoria concedéronse un total 110 axudas: 90 becas por importe de 400 a universitarios e 20 de 200 euros a alumnos de ciclos superiores. Este ano, cun orzamento superior o número de beneficiarios será tamén máis elevado. As axudas municipais a estudantes fináncianse a partes iguais entre as concellerías de Educación e de servizos Sociais, cada unha das cales achega 30.000 euros.

22 sep 2020 / 16:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.