Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sanxenxo manterá unha baixa fiscalidade a pesares da covid

O IBI, o imposto máis importante para os concellos, seguirá no seu mínimo legal do 0,4%

Sanxenxo conta coa presión fiscal máis baixa da contorna e a intención do seu goberno local “é que siga sendo así, pese aos gastos extraordinarios derivados da crise do coronavirus”, explican dende o Concello, e é que o turístico concello arousán mantén as taxas do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) no seu mínimo legal de 0,4% de cara aos orzamentos de 2020.

Este plan orzamentario destina aos servizos sociais municipais; integrados polo Centro de Día, as garderías municipais do Revel e do Tombo, o Servizo de Atención no Fogar (SAF) e o Centro de Información á Muller (CIM) entre outras axudas, talleres e servizos que Sanxenxo oferta aos seus cidadáns; un montante de 1.974.400 euros.

As áreas de cultura, educación e deportes suman un gasto anual de 4.858.195 euros e contan con 3 bibliotecas, unha escola de música e outra de arte, unha ampla oferta de actividades educativas, deportivas e lúdicas, a piscina municipal climatizada e numerosas instalacións deportivas. Ademais, Sanxenxo inviste cada ano en seguridade cidadá, entre a policía local e o servizo de emerxencias municipal 2.618.000 euros e en medio ambiente 3.313.900 euros.

Cómpre resaltar, que para o conxunto dos concellos, os tres principais impostos municipais son o IBI, o imposto de vehículos e a taxa de recollida de lixo, dado que son os que xeran unha maior recadación ao teren que pagalos todas as familias.

En canto ás vivendas, en Sanxenxo hai –segundo as cifras municipais– un total de 16.000, das cales tan só 5.000 pertencen a veciños, sendo as 11.000 casas restantes segundas residencias, ou o que é o mesmo, case un 70% dos propietarios de bens inmobles non residen na localidade. De modo que esa mesma porcentaxe da recadación do IBI e da taxa de lixo procede de persoas que habitualmente viven noutras cidades, pero posúen unha segunda residencia en Sanxenxo.

Isto significa que, a pesar de ter o IBI no mínimo que permite a lei o 0,40%, Sanxenxo recada máis que outros concellos polo gran número de segundas residencias. “Convén aclaralo, porque hai quen fai trampa e para que pareza que pagamos máis divide a recadación total do IBI só polo número de primeiras residencias/veciños sen incluír as segundas residencias e aos seus propietarios, e logo comparan a cifra tramposa con outros concellos onde non hai ou hai moi poucas segundas residencias”, apunta o goberno.

11 oct 2020 / 09:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.