Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sanxenxo mellorará os accesos a Major e Foxos co fin de preservar as dunas

A actuación contempla unha inversión de case 25.000 euros, sufragada ao 75% polos fondos Feader e ao 25% por fondos municipais

Co obxectivo de mellorar o estado de conservación dos hábitats dunares existentes nos areais de Sanxenxo e frear a súa deterioración, a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Juan Deza, conta xa cun proxecto que contempla a renovación dos accesos das praias de Foxos e Major.

Esta actuación enmárcase entre os obxectivos de espazos da área litoral, recollidos como prioritarios para hábitats no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, e prevé un investimento de 24.133 euros. O 75% do orzamento será financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e dividirase en dúas anualidades de 9.972 euros, mentres que o 25% será asumido cos fondos municipais do Concello de Sanxenxo.

Na paisaxe natural de Foxos e Major pódense apreciar dunas móbiles embrionarias, dunas brancas (hábitats de interese comunitario) e dunas grises (hábitat prioritario), e ambas sofren unha elevada presión polo alto volume de persoas que frecuentan ditas praias, sobre todo en época estival, aínda que tamén durante o resto do ano ao seren espazos adecuados para o paseo, e o desenvolvemento de deportes acuáticos como o surf –cando menos o areal de Foxos–.

As continuas pegadas provocan alteracións graves sobre a vexetación, favorecendo a extensión de dunas non estabilizadas e a xeralización de fenómenos erosivos de natureza eólica. “Con esta actuación nestes dous areais contribuímos á recuperación da vexetación natural, tal e como se recolle dentro dos obxectivos de espazos da área litoral do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia e mellórase a accesibilidade dos usuarios aos areais”, sinalou Juan Deza, concelleiro de Medio Ambiente.

05 nov 2020 / 08:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.