Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Traballadores de Thenaisie Provoté reclaman en Vigo a intervención da Xunta para evitar a liquidación

Continúa a mobilización do cadro de persoal, no seu segundo día de folga esta semana // Mañán acudirán ao Parlamento Galego

Tras a multitudinaria manifestación que marchou polas rúas do Grove o pasado domingo, durante a mañá de hoxe, decenas de traballadores da conserveira Thenaisie Provoté concentráronse en Vigo para reclamar a intervención da Xunta co obxectivo de que se alcance un acordo antes de que a empresa entre en proceso de liquidación, para o que restan pouco máis de dous meses.

No que foi o primeiro día da folga que se desenvolverá ata este xoves, decenas de empregados concentráronse ante o bufete de avogados Garrigues, que exerce como representante do grupo romanés Scandia Food, propietario da empresa, e a Delegación Territorial do Goberno galego na cidade olívica.

Neste contexto, a portavoz do comité de empresa, Rosa Domínguez, incidiu na necesidade de que se manteñan os 125 postos de traballo de Thenaisie Provote, que conta ademais da planta do Grove, con outra en Mos (Pontevedra).

Ademais, criticou a falta de intervención da Xunta a pesar da situación da empresa, que esperou que se invista na reunión prevista coa mesma este venres. En concreto, búscase que o Goberno galego convenza a empresa romanesa de que permita a entrada dun investidor.

Esta situación prodúcese despois de que o pasado mes de xuño Scandia Food, a súa directora financeira en Galicia e o gabinete Garrigues rexeitasen o proxecto presentado por un reputado empresario galego do sector, como Alfonso Caneiro, para adquirir a empresa. “Necesitamos que Garrigues se bote a un lado, que deixen de pór paus nas rodas”, reclamaban tralo remate da manifestación do domingo nunha das intervencións por parte do comité de empresa.

Posteriormente, o grupo romanés propietario de Thenaisie Provoté apuntou a Conservas Dani como un posible investidor. Con todo, o portavoz de CC. OO. no comité de empresa, Francisco Vilar, asegurou que esta empresa situada en Carnota (A Coruña) rexeitou buscar converterse en socia da conserveira.

POSIBLE INVESTIDOR. Mentres, Francisco Vilar detallou que un grupo de capital de risco valenciano mostrouse interesado en Thenaisie Provoté e solicitou o informe dos administradores concursais para coñecer a situación da empresa.

Así mesmo, Vilar indicou que este grupo valenciano púxose en contacto cos administradores concursais e a Xunta, pero mostrouse preocupado polo feito de que non contactase coa representación dos traballadores.

Ante esta situación, o portavoz de CC.OO. no comité de empresa asegurou que, se o Goberno galego non intervén “con rapidez”, a conserveira entrará en proceso de liquidación, o que non permitirá garantir o mantemento dos postos de traballo.

Francisco Vilar sinalou, por outra banda, que a participaciónde 3.500 persoas na marcha organizada polo comité de empresa o pasado domingo no Grove mostra a importancia do futuro da empresa para a economía da comarca, e de aí a implicación veciñal por atopar unha solución xusta ao conflito laboral.

A memoria da historia xurídica e económica da empresa, un inventario de bens e dereitos e a relación nominal dos seus acredores, xunto con outros documentos, mostraron que o seu pasivo é superior aos cinco millóns e que conta con 464 acredores.

Os traballadores continuarán mañán as mobilizacións, no segundo día de folga esta semana, transladándose a Santiago de Compostela onde realizarán unha protesta fronte ao Parlamento Galego.

Cargando reproductor ...
22 sep 2020 / 15:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.