Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ultiman a instalación de contedores soterrados en Rafael Picó e a estrada da Lanzada

En total serán doce depósitos nos que o Concello de Sanxenxo ten desembolsado case 18.000 euros

O Concello de Sanxenxo ultima a colocación de dúas illas de contedores soterrados en Rafael Picó e na estrada da Lanzada. En total instalaranse doce recolectores, seis en cada área, para o depósito de vidro, cartón, plástico e orgánico. Os novos contedores nos que se investirán case 18.000 euros terán un dispositivo mecánico que reducirá os custos de mantemento e mellorará o seu rendemento.

A instalación das dúas illas –que xa ten comezado– concluirá a próxima semana e enmárcase dentro da modernización dos puntos de recollida de residuos levadas a cabo ao longo deste ano en Portonovo e Sanxenxo. Un proceso que se acelerou debido á COVID xa que a limpeza e a hixiene adquiriron unha maior importancia. Estes contedores reducen os malos cheiros e facilitan a limpeza do espazo no que se sitúan. Neste caso, os contedores visualmente terán forma de caixa de correos exterior e reducirán o espazo de ocupación na vía pública.

Doutra banda, o Concello advirte que incrementará o control e endurecerá as sancións a todos aqueles que deixen as bolsas de lixo fóra dos contedores. Tamén prestará especial atención aos abandonos de voluminosos na vía pública e pide a colaboración veciñal para axudar a identificar os infractores. As sancións polo depósito deste tipo de obxectos ou bolsas de lixo na rúa conlevan unha multa mínima de 600 euros, un importe que se pode incrementar se o infractor é recorrente.

O goberno local lembra que o municipio dispón dun Punto Limpo en Padriñán e dun servizo de recollida de aveños ou voluminosos con atención de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, no teléfono 638 240 885, sendo gratuítos ambos sevizos. Con eles trátase de evitar os abandonos na vía pública cos consecuentes problemas de salubridade e de mala imaxe.

01 dic 2020 / 16:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.