Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vilanova e O Grove “botan unha man” dende as súas redes á hostalaría

Tras o peche do sector, ambos concellos están publicitando a través das súas páxinas oficiais aos establecementos que permanecen abertos para a recollida no local ou o reparto a domicilio

A hostalaría do Grove e Vilanova –do mesmo xeito que a de Cambados e Vilagarcía– encara un mes complicado e cheo de incertezas, tras o peche do sector decretado pola Xunta no marco das novas restricións sanitarias impostas en 60 concellos galegos, entre eles as xa citadas vilas arousás, co obxectivo de lograr dobregar a curva da segunda vaga epidémica na que se atopa inmersa Galicia e o conxunto do Estado español.

Os gobernos meco e vilanovés son bós coñecedores desta situación que atravesan os seus conveciños hostaleiros e, é por iso, que ambos teñen posto en marcha unha acción nas súas redes sociais para publicitar a aqueles establecementos que durante o tempo que dure o peche temporal, ofrecerán os seus produtos para a súa recollida no local ou para o reparto a domicilio.

Tras unha primeira vaga epidémica nos meses de abril e maio na que os servizos de restauración e hostalaría –do mesmo xeito que nesta segunda– foron os primeiros en pechar as súas portas ao público para previr os contaxios. A pandemia adiou tamén irremediablemente o inicio da tempada até o mes de xullo, e diminuiu a cantidade de turistas que se achegaron cara estes concellos arousáns, adoitados a recibir gran cantidade de visitantes ata a ponte do Pilar, cando se celebra a Festa do Marisco no Grove, e que marca o peche da tempada. Por se fora pouco, catro meses despois, o aumento dos casos activos de covid cobrouse como primeira vítima –no ámbito económico– de novo a hostalaría.

Unha situación que dende Emgrobes –a asociación dos empresarios mecos– califican como de “castigo brutal” cun sector que “na súa inmensa maioría cumpriu con todas as medidas esixidas, tendo que realizar en moitos casos, grandes inversións para garantir a seguridade dos seus empregados e clientes”, apuntan dende a patronal meca.

Deste modo, tanto o Concello do Grove –dende a súa páxina de turismo– como o de Vilanova veñen de realizar un chamamento á súa poboación para apoiar a hostalaría das súas vilas, publicitando en Facebook, as cartas e os servizos ofertados por aqueles locais todavía abertos para o servizo a domicilio e para a recollida no establecemento.

No caso de Vilanova, son cinco estes establecementos: o restaurante Faro da Lúa, a cafetaría Delic, Snack Limón, a cafetaría Zapping e a cervexaría Vista Real. Ofrecendo todos os seus produtos para a recollida no local, e no caso de Snack Limón e Zapping tamén para o envío a domicilio.

No Grove, a oferta elévase e son polo momento dezasete locais os recollidos pola páxina de Turismo Grove, aínda que xa apuntaron que seguirán sumando establecementos. Na vila meca permanecen abertos ofertando os seus produtos para levar os restaurantes A Cova do Trasno, o Mesón do Mar, Misturas, Pizz-Bur, Amalfi, Adrede, O Xoto, Casa Martínez, O Porto, T7, El Rincón, Remy e Villa Rolendis; e as cafetarías Cafuné, Carmencita, Galaico Portugués e O Habanero.

MEDIDA INSUFICIENTE. Dende o sector consideran o paso dado por ambos concellos como beneficioso para os compañeiros que permanecen cos seus locais abertos ao publicitar dende as redes oficiais dos consistorios os seus produtos. Non obstante, a realidade salta a vista, e son maioría os hosteleiros que decidiron non levantar a persiana do seu negocio, é por iso que dende Emgrobes están solicitando a todas as administracións, máis apoio e axudas inmediatas para o sector.

Sinalan que “si teñen que parar e pechar, é necesario que se poidan sufragar todos os gastos para poder sobrevivir”, xa que o sector neste momento “non pode traballar pero ten que seguir pagando alugueres, seguridade social, impostos... coas conseguintes perdas económicas”.

Así solicitouse á Xunta de Galicia, axudas; e reiterase ao Concello que revisen os impostos e tasas e axudas directas para comercio e hostalaría e que todas as administración pidan axudas ao Estado para apoiar á economía local.

09 nov 2020 / 14:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.