Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Pobra activa o concurso ‘As sete Rosalías’ para escolares

A Pobra. A concellería de Cultura da Pobra volve apostar para o Día de Rosalía de Castro, que se conmemorará o vindeiro mércores 23, polo xogo-concurso As sete Rosalías, ademais de impulsar outras actividades que se anunciarán proximamente.

Trátase dunha proposta dirixida ás crianzas co obxectivo de lles achegar a figura desta intelectual galega dun xeito didáctico e cun compoñente lúdico, segundo explica a edil de Cultura, Patricia Lojo, quen considera que “é preciso continuar co labor divulgativo do seu legado”.

A iniciativa consiste en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que conteñen no seu interior o rostro de Rosalía de Castro acompañado de versos seus. Estas pezas expóñense nos escaparates de diversos establecementos locais ata o venres 25.

O desafío reside en buscar nos escaparates dos locais do municipio as sete versións diferentes da imaxe que ilustra o cartel, xa que non todas son iguais. Poden participar todos aqueles nenos e nenas pobrenses de 6 a 12 anos que conten cun dos impresos repartidos nos colexios Salustiano Rey e Pilar Maestú Sierra.

Unha vez atopadas, será preciso anotar no folleto cal é esa diferenza e en que instalación se sitúa. Quenes logren superar o reto deberán entregar os impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos centros de ensino.

O día 4 de marzo realizarase un sorteo de diversos agasallos entre todos os cativos e cativas acertantes. s. s.

15 feb 2022 / 17:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.