Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Pobra festexará o 25 de xullo cun concurso a través de Tik Tok para maiores de 13 anos

Para o luns 18 fixouse a presentación de ‘O libro negro da lingua galega’, do que é autor Carlos Callón

A Pobra. O Concello da Pobra do Caramiñal festexará o Día da Patria Galega, o 25 de xullo, cunha serie de actividades coas que poñer en valor a nosa identidade. O concelleiro de Normalización Lingüística, Xabier Santos, anunciou que se fará a entrega de bandeiras galegas na vindeira semana. A veciñanza que desexe dispoñer dunha tan só terá que achegarse ata a casa consistorial.

Outra das propostas que se lanzan dende a administración local é a presentación de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón. Será o 18 de xullo, ás 21.00 horas, na alameda. O historiador, sociolingüista e poeta explicou que a obra recolle as consecuencias que tivo a Guerra Civil no ámbito galego a distintos niveis, entre eles, o lingüístico. Pero tamén se afonda en como esa represión xa viña de anos atrás, remontándose a 1480 cando se prohibe que os escribáns poidan continuar utilizando o galego.

A maiores, impúlsase a segunda edición do concurso Galeguizando TikTok para fomentar o uso do idioma nas novas tecnoloxías. Os vídeos deberán estar en galego, ter como temática o Día de Galicia e seguir o formato da app TikTok. As persoas participantes, que deben ter trece anos ou máis, deberán anotarse e facer a entrega do vídeo mediante o enderezo electrónico normalizacion.linguistica@apobra.gal.

Segundo indicou Santos, os premios serán un lote de produtos culturais galegos e establécense un total de 3 distincións valoradas en 100 euros cada unha: ao máis orixinal, ao máis divertido e ao máis creativo.

A data límite para a inscrición estipúlase no día 5 de agosto, e unha vez formalizada a mesma, outorgaráselle a cada persoa un código de identificación para pór na súa gravación. O envío das pezas farase antes de rematar o día 15 de agosto. Máis información na páxina web municipal (www.apobra.gal). m. c.

16 jul 2022 / 19:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.