A Pobra lanza unha enquisa con 33 preguntas para redactar o novo Plan de Igualdade
A Pobra. Co obxectivo de contribuír á consecución da plena igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a concellería de Igualdade da Pobra está inmersa no proceso de elaboración do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, que terá vixencia ata 2026.
O Concello abriu un proceso participativo no que a veciñanza pode expoñer as súas demandas e necesidades reais en materia de igualdade. Con esta finalidade, preséntase unha enquisa anónima que estará dispoñible ata o catro de abril na páxina web municipal, nas redes sociais e, en formato papel, no rexistro xeral do Concello.
Consta de 33 preguntas que permitirán identificar as demandas e necesidades da poboación en canto a conciliación, violencia de xénero e formación en igualdade e participación social de mulleres e homes da Pobra nos diferentes ámbitos. Así mesmo, están configuradas outras enquisas que van dirixidas a colectivos específicos.
O proceso de elaboración do documento pasou primeiramente pola fase de investigación documental para, unha vez finalizada a de participación social, continuar coas de deseño e de redacción e publicación, polo que estará dispoñible neste 2022. s. s.