Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Pobra pasará revista nun foro á súa pegada castrexa e á industria da salazón

A Pobra. A pegada castrexa no Barbanza, o pasado do municipio no relativo á industria conserveira ou a biografía de varios veciños sobranceiros son algunhas cuestións sobre as que versará a cuarta edición do ciclo A Pobra do Caramiñal no Tempo, as xornadas de divulgación sobre a historia e a cultura local, que se desenvolverán os vindeiros días 25 e 26 no Teatro Elma.

O programa foi presentado polo alcalde, Lois Piñeiro; a edil de Cultura, Patricia Lojo; e Manuel Gago, un dos impulsores desta iniciativa xunto con José Carlos Vidal.

O sábado 25 centrarase na parte teórica e comprenderá catro conferencias. Da singular vida e obra do pobrense A. Paz Míguez falará Esperanza Mariño Dávila, mentres que Miguel Vidal Lojo impartirá a charla titulada Que nos contan os castros do Barbanza?

Tras un descanso continuarase ca programación da man de José Manuel Vázquez Lijó con Os Areos. O barrio industrial da sardiña no século XIX. E os coloquios chegarán ao seu fin con Mulleres entre dous séculos (XIX-XX): María Dios Rivademar, a cargo de Aurora Marco López.

Os asistentes recibirán como agasallo unha lámina que representa a dimensión industrial da conserva, do ilustrador Rubén Rial. O domingo 26 farase unha visita ao barrio dos Areos e ao almacén de salga dos Villoch, en Cabío, ás 11.00 horas. As prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa a través do email bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou do teléfono 981 831 633. s. s.

10 sep 2021 / 14:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.