Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Pobra premia as vivendas máis engalanadas por Nadal

O concurso esténdese a todas as parroquias e os vencedores levarán unha cesta // O prazo de inscrición remata o día 2

Incentivar a participación da veciñanza na ornamentación exterior dos seus fogares polo Nadal: este é o piar sobre o cal se fundamenta o concurso de embelecemento de balcóns e fachadas que chega á súa terceira edición. O Concello da Pobra do Caramiñal convoca este certame que se fai extensivo a todo o municipio: Santa María a Antiga do Caramiñal, Santiago do Deán, Santo Isidro de Posmarcos, Santa Cruz de Lesón e Santa María do Xobre.

A concelleira da Promoción Económica, Charo Varela, acompañada da técnica municipal desta área, Sara Sánchez, apuntou este mércores que con esta iniciativa se busca contribuír a incrementar o carácter vistoso das rúas nesta época festiva.

Haberá un premio por cada parroquia, consistente nunha gran cesta do Nadal composta de produto de proximidade, poñendo así tamén en valor o seu comercio local.

Disponse ata o día 2 de decembro para realizar as inscricións mediante o correo electrónico turismoecomerciodapobra@gmail.com ou por vía telefónica no 981 843 280, marcando a extensión 2035. É preciso indicar o nome, o documento de identidade da persoa participante, o enderezo do domicilio e un número de teléfono. Unha vez formalizada a matrícula e engalanadas as vivendas, remitirase polo referido correo electrónico un mínimo de dúas fotografías.

O período para a ornamentación rematará o 6 de decembro, pero a decoración deberá permanecer ata o día 6 de xaneiro, ámbalas datas incluídas. A temática terá relación directa co Nadal e os elementos para empregar deixaranse á libre elección.

Segundo indicou Varela, o ditame do xurado darase a coñecer no vindeiro 23 de decembro. Pódense consultar as bases completas na web municipal www.apobra.gal.

Por outra banda, o Concello da Pobra recordou que as artes escénicas volven ao teatro cine Elma o día 20, ás 19.00 horas, coa función As que limpan, da compañía A Panadaría, ao abeiro do ciclo teatral artellado para o mes de novembro na Pobra.

Dita peza fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadaren uns dereitos laborais e sociais xustos. A entrada é libre ata completar a cabida. Organiza a concellaría de Cultura en colaboración coa Rede Cultural da Deputación.

16 nov 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.