Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Xunta amosa a súa predisposición a colaborar na investigación e recuperación do peirao fenicio de Ribeira

A deputada do PP do Parlamento de Galicia Ana García transmitiu ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, a boa predisposicion do Goberno autonómico en canto a colaborar co Concello na investigación, recuperación e posta en valor do peirao fenicio, situado na Covasa, en Aguiño.

Cómpre lembrar que o Concello leva máis dun ano traballando con este obxectivo e que solicitou no verán pasado á Demarcación de Costas do Estado a concesión administrativa necesaria para poder actuar neste elemento fundamental dentro do patrimonio arqueolóxico do municipio.

Precisamente este venres, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa dos seus deputados Noa Díaz Varela e Luís Álvarez Martínez, presentará ante esa mesa unha proposición non de lei para o seu debate na Comisión 4ª reclamando ao Goberno galego que colabore co Concello de Ribeira na investigación histórica do peirao da Covasa e na súa posterior rehabilitación e posta en valor.

As orixes do peirao ciclópeo da Covasa, coñecido tamén como peirao fenicio, non son certas. Trátase dun espigón de cerca de 70 metros de pedras ciclópeas dispostas en fila e en varias alturas cuns chanzos tallados en grandes pezas de granito a modo de acceso desde terra aos barcos e mercadorías. Algúns investigadores aseguran que a súa orixe é fenicia, mentres outros sosteñen que se construíu entre finais do século XVIII e mediados do XIX para unha industria catalá da conserva.

En todo caso, segundo o PSOE “trátase dun patrimonio único que hoxe presenta un grave estado de deterioro que avanza no tempo debido aos efectos dos golpes de mar e á entrada a marea polo punto cardinal sur que causan o descalce dos bloques de pedra que conforman o peirao, xa que durante a explotación da canteira anexa nos anos 40-50 voaron con explosivos unhas pedras que o defendían por ese punto concreto”.

O Concello encargou un proxecto de rehabilitación que, para os socialistas, é incompleto (non afectaría á parte do espigón lateral).

Presentáronse alegacións que, de momento, teñen paralizada a obra. “O importante agora é que todas as administracións implicadas colaboren para evitar un maior deterioro do peirao, así como na súa rehabilitación e posta en valor nunha contorna que ten ademais restos dunha zona de prensado de salazón. Esta colaboración pasaría en primeiro lugar, e antes de calquera intervención de restauración, por unha obrigada investigación histórica que poña fin ás incertezas acerca das orixes deste ben, que podería ser un dos peiraos máis antigos de Galicia, e por un estudo xurídico-técnico da súa situación. A Covasa é, dende logo, un dos enclaves patrimoniais máis antigos da zona e un lugar de especial importancia para comprender a historia dos portos galegos, de aí a relevancia da súa conservación”, sinala o PSOE.

06 may 2021 / 20:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.