Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Xunta aprobará de xeito definitivo o plan reitor de Corrubedo este mesmo mes

Ribeira. A Xunta de Galicia vén de anunciar que aprobará este mesmo mes o Plan reitor de usos e xestión (PRUX) do complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Así o avanzou este mércores a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, despois da reunión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads).

Este organismo de consulta informou favorablemente este documento, polo que así culmina a tramitación necesaria para elevalo ao Consello da Xunta e que sexa aprobado definitivamente polo Goberno galego antes da súa entrada en vigor.

A conselleira lembrou o traballo feito previamente ata chegar a este respaldo por parte do Cogamads, que incluíu o visto e prace da xunta reitora do parque natural e, unha vez superado este trámite, o sometemento a consulta pública, período no que se presentaron alegacións. Segundo salientou, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural aceptou total ou parcialmente un 92 % das achegas recibidas.

Vázquez Mejuto lembrou que na actualidade o citado parque, cunha superficie de preto de 1.000 hectáreas, se regula por un Plan de ordenación de recursos naturais (PORN) e que a Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia sinala que os parques e reservas naturais deberán regularse cun plan reitor e fixar medidas de xestión necesarias para compatibilizalos coa conservación destes espazos.

Así, o principal obxectivo que fixa o novo PRUX para o complexo dunar é xerar e reforzar canles para o fomento do coñecemento científico e a divulgación, así como regular as actividades de uso público, os aproveitamentos e calquera outro uso.

Deste xeito, Corrubedo sumarase á listaxe de parques galegos que contan con este instrumento de protección, como é o caso do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e os parques naturais de Monte Aloia, Serra da Enciña da Lastra e O Invernadoiro. Ademais, Ángeles Vázquez avanzou que xa se está a traballar nos do Xurés e Fragas do Eume. m.t.

19 may 2021 / 17:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.