Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Xunta xa traballa na redacción do proxecto da depuradora de Noia

Investiu nos últimos anos case cinco millóns de euros en materia de depuración no concello

Noia. O deputado do Partido Popular Rubén Lorenzo afirmou este xoves no Parlamento galego que a Xunta “está a traballar na licitación da redacción do proxecto construtivo para a nova depuradora de Noia, seguindo os pasos de actuación marcados polo Plan director de saneamento deste municipio”.

Rubén Lorenzo lembrou que o saneamento e depuración son competencias municipais, pero “a Xunta é plenamente consciente das dificultades que supón para os gobernos locais cumprir os parámetros aceptables de abastecemento, saneamento e depuración de augas, especialmente para os pequenos e mediados”.

Asemade, o deputado popular tamén apuntou que o Goberno galego investiu nos últimos anos preto de cinco millóns de euros en materia de saneamento e depuración neste concello, e afirmou que a Deputación da Coruña “pode e debe colaborar no ámbito do abastecemento e saneamento de Noia”, tal e como se recolle na Lei de bases de réxime local.

Pola súa banda, a deputada nacionalista Rosana Pérez criticou a negativa do PP a que a Xunta dote unha partida orzamentaria específica para comezar a realizar “nesta mesma anualidade un investimento de 1.325.000 euros destinados á urxente mellora e actualización da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Noia, tal e como recolle o Plan director de saneamento deste municipio”, e advertiu do abandono dos gobernos galego e local da rede de saneamento.

Rosana Pérez resaltou algúns datos recollidos no plan director de 2021, “que retratan as preocupantes deficiencias da rede, cun 25 % da poboación (4.100 persoas) desconectada da mesma e vertendo directamente ao medio, en moitas ocasións directamente aos ríos e á ría, e onde a EDAR, no seu estado actual, só é quen de xestionar, no mellor dos casos, o 42 % das augas residuais que chegan ao sistema”, apuntou a deputada nacionalista.

Tamén se pronunciou ao respecto Ricardo Suárez, portavoz do BNG de Noia, quen anunciou “un firme non a calquera proposta de orzamentos municipais que non inclúa os investimentos necesarios para a mellora da estación de depuración de augas residuais que se contemplan no Plan director”, dixo. m. c.

10 mar 2022 / 20:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.