Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 08 diciembre 2021
20:32
h

Aguiño homenaxeará a Carvalho Calero cun concerto de Pablo Díaz

Os cativos que leven o día 31 un debuxo sobre as Letras Galegas recibirán un agasallo

Ribeira. A asociación cultural Francisco Lorenzo Mariño, de Aguiño (Ribeira) vai conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado a Ricardo Carvalho Calero, o vindeiro sábado 31 no conservatorio de dita parroquia ás 18.00 horas, xa que esta foi a data escollida pola Real Academia Galega ó coincidir co 110 aniversario do nacemento do escritor e tras ser adiada a tradicional celebración en maio polo estado de alarma.

A actividade programada consistirá nun espectáculo musical a cargo do cantautor galego Pablo Díaz, que presentará o seu último traballo, titulado Coas miñas mans, dedicado ó público infantil.

O aforo estará limitado a sesenta persoas sentadas, separadas por convivintes e previa confirmación de butaca a través do email aflm.aguinho@gmail.com antes do venres 30.

Todos os nenos e nenas que ese día leven un debuxo alusivo ao Día das Letras Galegas deste ano recibirán como agasallo un estoxo para máscara, de cor branco serigrafiado en azul cun debuxo alusivo a ese día, ao autor homenaxeado e á celebración da asociación. Os traballos serán publicados no Facebook da entidade.

Do mesmo xeito, os 49 nenos e nenas participantes na actividade que a asociación organizou durante o confinamento (de marzo a xuño) baixo o lema #Euquedonacasa, que consistía na elaboración dun debuxo ou pancarta con esta mensaxe e que foron colgados no perfil de Facebook, recibirán tamén o mesmo estoxo, que poderán recoller no lugar do acto media hora antes de comezar ou posteriormente na rúa Mestre Xosé Sans 21, ou enviando un email ó colectivo.

Agardan distribuír un cento de unidades deste agasallo conmemorativo pola participación activa dos cativos nas distintas actividades organizadas pola asociación.

“Deste xeito queremos festexar esta efeméride tan salientable para a cultura galega, a celebración das nosas letras”, explican dende o mencionado colectivo, engadindo que “dadas as circunstancias non podemos celebrar un gran evento, como levamos facendo dende 2006, con xogos populares, inchables, lambetadas e xornada de debuxo amais de espectáculo, pero si doutra maneira podemos organizar un acto que non pase desapercibido”. s. s.

23 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.