Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ailá abrirá este sábado cun concerto os Actos Castelao na vila rianxeira

A programación inclúe dúas exposicións, unha ofrenda floral e varias presentacións literarias

Rianxo. O Concello de Rianxo organizou un ambicioso programa de actividades no marco dos Actos Castelao, en homenaxe ó ilustre escritor galeguista, que inclúe concertos, presentacións literarias, exposicións e unha ofrenda floral que se desenvolverán ó longo de xaneiro e febreiro.

Todos os actos serán no auditorio. O grupo Ailá será o encargado de abrilos o sábado 23 cun concerto ás 19.00 para presentar o disco ELO. Un camiño de músicas. A entrada é gratis e para asistir hai que enviar un email a auditorio@concelloderianxo.gal. Ailá é un proxecto artístico inspirado nas recolleitas históricas dos cantos de transmisión oral en Galicia.

O venres 29, á mesma hora, presentarase a publicación Aproximacións a Manoel Antonio, de Xosé Luis Axeitos, coa participación do alcalde, Adolfo Muíños; María Xesús Blanco, vicepresidenta da asociación Barbantia; Roberto Abuín, de Axóuxere Editora, e o autor. Haberá tamén unha intervención plástica a cargo de Xosé Luis Veiras Manteiga e apertura e peche musical a cargo de Miriam Pardal (trompa) e Félix Iago Rodríguez (bombardino) da Escola de Música local.

O sábado 30 ao mediodía realizarase a ofrenda floral ante o busto de Castelao no Paseo da Ribeira, coa intervención de autoridades e alumnado do IES Félix Muriel. Ás sete da tarde ofrecerá un concerto a formación 2naFronteira para dar a coñecer o seu novo traballo: Arredor de Nós.

O 5 de febreiro ás 19.00 presentarase a novela de investigación Un señor elegante, de Suso de Toro, coa participación do escritor Xosé Luis Axeitos e do rexedor. O sábado 6 ao mediodía será a presentación do libro Castelao. Construtor da nación. Tomo II, 1931-1939, de Miguel Anxo Seixas, a cargo do académico da RAG Francisco Fernández Rei. No auditorio poden verse a mostra do certame Díaz Pardo de artes plásticas e a de gravados Luís Seoane: homenaxe á torre de Hércules. s. s.

17 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.