Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Alianza de 71 negocios para a campaña de ‘Raña e gaña’ pobrense, con 600 agasallos

Haberá en xogo mesmo unha viaxe familiar a Eurodisney

De cara á época do Nadal, o Concello da Pobra, a patronal local, a Asociación do Pequeno Comercio Deán e a Asociación de Profesionais da Praza de Abastos uniron forzas para poñer en marcha a campaña Raña e gana, a cal tamén conta coa colaboración de varias empresas que quixeron achegar o seu grao de area.

Repartiranse máis de 70.000 tarxetas en 71 establecementos comerciais e de servizos do municipio entre o día 28 de novembro e 6 de xaneiro, ambos incluídos, o que se traducirá en arredor de 600 agasallos directos por un importe de case 20.000 €.

Por cada dez euros de compra nos locais que toman parte nesta campaña entregarase un rasca ca lenda “Grazas por apoiar ó comercio local” e no que se especificará o agasallo, xunto co establecemento onde se debe canxear.

No caso das contribucións das empresas colaboradoras, a persoa agraciada deberá acudir co seu rasca á Oficina de Turismo, onde o persoal municipal se encargará da xestión, pois os artigos permanecerán alí expostos.

Na presentación da iniciativa participaron a concelleira de Promoción Económica, Charo Varela; a técnica municipal, Sara Sánchez; Noelia Hermo, en representación dos comerciantes da praza de abastos; Isabel Cañas, directora de Relacións Externas de Congalsa (empresa que colabora con dez lotes de produtos, unha cea de Nadal para seis persoas no restaurante A Horta do Obradoiro e unha viaxe familiar a Eurodisney); Anxo Rodríguez, xerente do campin Ría de Arosa (que colabora con dúas rutas en quad pola ladeira do monte da Curota); José Manuel Castelo, directivo da Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal; e Beatriz Santiago, da Panadería A Peneira.

Entre os establecementos participantes figuran tendas de roupa, alimentación, deportes, centros de estética, froitarías ou informática, o cal é unha mostra da heteroxeneidade dos locais e, polo tanto, dos agasallos que se entregarán: dende produtos alimentarios a un smartphone, pasando por ceas, tratamentos de beleza, complementos ou vales de compra.

27 nov 2020 / 18:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.