Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ambar aposta polo emprego inclusivo

Pon en marcha a entidade barbanzá un servizo de orientación para demandantes e empresas // Busca garantir a igualdade de oportunidades

A asociación de persoas con diversidade funcional Ambar de Ribeira presentará este martes ás 19.00 horas de maneira telemática e en directo o seu novo servizo de orientación laboral, denominado Emprego Ambar, e o espazo de emprego inclusivo dentro da web da entidade, dirixido a empresas e particulares, co obxectivo de mellorar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas con diversidade funcional e garantir a igualdade de oportunidades no acceso ó emprego na comarca do Barbanza.

Ambar é centro colaborador do Servizo Público de Emprego. Esta acción enmárcase na conmemoración do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo (o vindeiro día dous de abril) baixo o lema Podo aprender, podo traballar, xa que garantir a igualdade de oportunidades na educación e o emprego son dous dos obxectivos principais da entidade.

A presentación realizarase nun vídeo en vivo a través da conta de Instagram da entidade e posteriormente compartirase no resto das canles. Estará guiada por Daniel Tojo, orientador laboral de Ambar.

Nesta sesión, explicarase que é o citado servizo e en que pode axudar aos demandantes de emprego e empresas.

BOLETÍN SEMANAL. Ademais, aproveitarase para presentar a páxina web Emprego Ambar, que ofrece consellos e información práctica para crear empresas máis inclusivas, a través da adaptabilidade e accesibilidade de postos de traballo, información actualizada das subvencións e ofertas de emprego vixentes. Tamén se publicará semanalmente un boletín con ofertas e información relevante de emprego.

Ambar leva máis de 10 anos traballando pola inclusión laboral das persoas con diversidade funcional. Inicialmente incidiu na formación de competencias para o emprego, pero co tempo detectou a necesidade de traballar na procura dun emprego inclusivo a través dun nexo real coas empresas ordinarias.

PROGRAMA iWork. Xurdiu así o programa iWork, cofinanciado pola Xunta e que desenvolve con empresas da comarca para crear unha cultura inclusiva, a accesibilidade universal e procesos de selección máis accesibles. O novo servizo de orientación laboral ten en conta as necesidades específicas e de empregabilidade das persoas con diversidade funcional.

comarcas@elcorreogallego.es

29 mar 2021 / 14:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.