Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ambar ofrece a docentes formación clave para a accesibilidade no ensino

Creou un Banco de Recursos con material e consellos en pro da educación inclusiva

Ribeira. Con motivo da celebración da Semana Internacional da Educación e o Día da Convención dos Dereitos das Persoas con Diversidade Funcional, a asociación barbanzá Ambar, que traballa neste eido, presenta este luns ás 19.00 horas de maneira telemática e en vivo, a través da súa conta de Instagram, o Banco de Recursos EduDiversa, unha nova formación para docentes sobre accesibilidade no ámbito educativo.

Trátase dunha ambiciosa iniciativa enmarcada no programa de educación inclusiva EduDiversa, que nace coa vontade de facilitar a tarefa dos profesionais da docencia na procura dos recursos que mellor se adapten ás características do seu alumnado.

O citado banco xa está dispoñible na páxina web da entidade e conta con recursos multiformato (como aplicacións, softwares educativos, recursos en liña, vídeos e material descargable); consellos, pautas e materiais didácticos sobre atención inclusiva destinados a persoas con e sen diversidade funcional, apoiados na experiencia dos e das profesionais de Ambar; normativas e protocolos de interese; e novidades no ámbito da investigación educativa e psicopedagóxicas, así como convocatorias de accións de formación e de proxectos inclusivos de eficacia probada.

A formación ofertada sobre accesibilidade será impartida por Lydia Parga, terapeuta ocupacional da entidade, responsable da súa área de accesibilidade e do proxecto sobre terapia ocupacional con impresión 3D. Celebrarase no vindeiro mes de xuño e será totalmente gratuíta.

Ás primeiras cinco persoas que se conecten á presentación en directo reservaráselles automaticamente unha praza para a formación.

Ademais de anunciar estas dúas novidades, a xuntanza online guiada por María Gómez, mestra e especialista en atención á diversidade funcional de Ambar, será unha oportunidade de establecer un coloquio onde se dotará ás persoas participantes de información sobre aplicacións e recursos educativos novidosos, como a impresión 3D.

TERAPIA OCUPACIONAL. Grazas ó financiamento da ONCE, o colectivo adquiriu recentemente unha impresora 3D para o seu proxecto de terapia ocupacional. Ademais, resolveranse todas as dúbidas e preguntas que se presenten sobre o programa.

Este proxecto está cofinanciado pola Fundación La Caixa e busca a creación de aulas cen por cen inclusivas.

EduDiversa é unha iniciativa que naceu a finais de 2019 para reforzar os apoios á diversidade na educación ordinaria da comarca do Barbanza. Xurde a raíz do informe do Comité sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU, sobre a situación educativa en España, onde se identifica que “no sistema educativo español non existe un recoñecemento xeralizado do modelo de dereitos humanos da diversidade e hai unha falta de acceso á educación inclusiva e de calidade”.

A asociación de persoas con diversidade funcional Ambar, que preside Milagros Rey, levou a cabo enquisas durante a fase de investigación para ver as necesidades de apoio en atención á diversidade na comarca. De aí xurdiron as liñas estratéxicas e as necesidades en formación e asesoramento para equipar ó profesorado de máis recursos para traballar en prol dunha inclusión efectiva. suso souto

01 may 2021 / 17:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.