Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ambar sorprende de novo cun calendario solidario... de película

Vinte e catro usuarios posaron parodiando os carteis de doce films // Recibiron felicitacións de varios directores e actores polo seu traballo

O Museo Valle-Inclán da Pobra acolleu a presentación do calendario solidario da asociación de persoas con diversidade funcional Ambar, un proxecto que comezou a súa andadura no ano 2015 e que promove o cine español con valores sociais e de empoderamento para as persoas con diversidade funcional a través da expresión artística.

O acto foi presidido por Milagros Rey, presidenta da entidade, que estivo acompañada de Zeltia Iglesias (integradora social de Ambar e responsable do proxecto) e o fotógrafo Pichero (galardoado co premio Quixote de Toledo en 2019), autor das imaxes do calendario, para as que posaron caracterizados un total de 24 usuarios e usuarias da asociación para parodiar ata doce coñecidas películas.

A presentación comezou coa visualización do vídeo sobre o proceso de traballo da sesión fotográfica. Tamén se proxectaron as videomensaxes enviadas por varios directores e actores das películas elexidas, nas que expresan as súas felicitacións polo traballo realizado: Carlos Marqués-Marcet (Los días que vendrán), Daniel Sánchez Arévalo (Diecisiete), Óliver Laxe (O que arde), Pedro Alonso (El silencio del pantano) e Javier Rey (El verano que vivimos e Orígenes secretos).

Este ano, por mor da COVID, as persoas protagonistas do calendario non puideron asistir fisicamente á presentación, pero si o fixeron telematicamenteo, seguindo o vídeo en streaming que a entidade publicou dende a súa conta de Facebook.

O calendario (do que se fixo unha tirada de 500 exemplares e que está dispoñible nos formatos de parede, a sete euros, e de sobremesa, a tres euros) xa está á venta e pode reservarse na web da entidade, enviando un correo electrónico ao enderezo correo@asociacionambar.org ou chamando ó número de teléfono 981 874 480. Tamén pode adquirirse nos seguintes puntos de venta: asociación Amas de Casa, Peluquería Yara e Asociación contra o Cancro, en Ribeira; Peluquería Silvia Noya (Rianxo); Maniotas e Lusco Fusco (A Pobra) e Kiosko Etnias (Portosín).

Coa recadación obtida con esta iniciativa, a asociación Ambar adquirirá equipamento informático para traballar de forma individualizada e facer cesión de uso en períodos de confinamento, para que a estimulación e aprendizaxe non se deteñan.

14 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.