Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Amicos e o pósito de Cabo de Cruz reman xuntos na loita contra o lixo mariño

Persoas con discapacidade intelectual implícanse, a través do proxecto Re-Mar, nas boas prácticas para conservar o litoral

A asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos, da comarca do Barbanza, retomou os procesos participativos do proxecto Re-Mar na confraría boirense de Cabo de Cruz. Trátase dun proxecto colaborativo entre os sectores pesqueiros e máis estreitamente ligados ao mar, á poboación local e ós visitantes das illas atlánticas de Galicia e a súa área de influencia, na procura dun modelo de desenvolvemento endóxeno inclusivo baseado na conservación do litoral.

A través dun proceso participativo, definiranse as boas prácticas para a xestión de residuos nas principais actividades económicas do sector pesqueiro. “Queremos fomentar a participación cidadá na redución de lixos mariños a través das persoas con discapacidade”, explicaba Nuria Calo, coordinadora e xestora do proxecto Re-Mar.

Para conseguir a colaboración das diferentes confrarías elaborouse unha guía de boas prácticas de xestión de residuos nas principais actividades do sector pesqueiro. “Estamos colaborando cos pósitos para ver que procedementos teñen xa instalados e cales se poden mellorar”, explicaba Nuria Calo. A cambio das súas boas prácticas poderán recibir o selo participativo de garantía Buque Azul, que é un distintivo que se concede dende Re-Mar a aquelas embarcacións de pequeno tamaño que destacan pola boa xestión dos seus residuos.

“A finalidade do proxecto é conseguir que as persoas con discapacidade sexan un motor de cambio como actores e activistas para a transformación social”, concluía Xoán España, director xeral da asociación Amicos.

Este proxecto está impulsado polo colectivo xunto co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en condición de socio, e desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP. “Comezou a finais de 2019 e estamos retomando a súa actividade despois da crise sanitaria vivida polo COVID”, indicou neste sentido Xoán España. s. s.

Recoñecerase a correcta xestión de residuos no mar co selo Buque Azul

Boiro. Amicos, xunto coas confrarías de pescadores, e dentro destes procesos participativos, definirá as condicións necesarias para obter o recoñecemento Buque Azul, que vai ser difundido por diferentes lugares públicos da comarca do Barbanza para que os consumidores saiban que están comprando un produto capturado por pescadores e mariñeiros que xestionan correctamente os residuos nas súas embarcacións.

Macarena Fernández, usuaria do Fogar Amicos e participante do proxecto Re-Mar, explicou que ela e os seus compañeiros de dita entidade social xa levan limpado varias praias e colaborando con diferentes colexios da zona para que se sumen á concienciación medioambiental a través do xogo do lixo mariño (similar ao xogo da oca), unha iniciativa creada dende a asociación. “Os nenos aprenderon moitas cousas con nós, e nós con eles”, sinalou Macarena ao respecto.

24 mar 2021 / 14:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.