Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Amicos inundará de azul o Barbanza para conmemorar o Día Mundial do Autismo

Solicitan aos comerciantes que vistan os seus negocios desta cor // Pretenden derrubar barreiras en torno a este espectro

“Queremos que todas as persoas se sumen ao azul que é a cor que representa o autismo para que todos contribuamos a súa normalización e derrubemos as barreriras sociais en torno a este espectro”. Así presentaba onte Digna Iglesias, vicepresidenta de Amicos, a campaña que van pór en marcha dende a asociación con motivo do Día Mundial do Autismo, que se conmemora o 2 de abril.

Para a súa difusión impulsaron “varias iniciativas nas que Juan Pombo, un membro da asociación que ten autismo, se convertiu na imaxe de campaña”, explicou.

Por un lado, os concellos de Noia, Porto do Son, Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo van colocar unha pancarta nas instalacións municipais. Asemade, as asociacións de empresarios, e tamén Deloa, farán un chamamento para que comerciantes e hostaleiros da zona vistan os seus negocios desta cor.

“Para viralizar a campaña propoñemos que compartan os seus escaparates a través das redes sociais e nos etiqueten. Así poderemos elixir un escaparate gañador, que levará un premio feito polas persoas de Amicos”, indicou ao respecto Iglesias.

Como obsequio aos comercios participantes, estes recibirán unha Guía de Pictogramas imprimible para que poidan adaptar cognitivamente os seus establecementos para todas aquelas persoas que teñan dificultades de compresión e comunicación.

Xoán España, director xeral de Amicos, comentou durante a súa intervención que a iniciativa “ten unha vertente de visibilización e outra parte institucional para que os comercios adapten as súas instalacións de maneira cognitiva para que ás persoas que necesitan apoios llo poñamos máis fácil”. “Queremos conseguir un mundo máis inclusivo”, engadiu.

Ademais, estes días a través da páxina web e redes sociais do mencionado colectivo, daranlle visibilidade ao autismo explicando os falsos mitos e estigmas que hai arredor desta afección, e tamén lle enviarán materiais a máis de sesenta colexios da comarca.

Como peche de campaña, a próxima semana teñen previsto celebrar un acto nas instalacións do Concello de Ribeira onde Juan Pombo será o encargado de ler un manifesto. Estará acompañado doutros membros da asociación, así como do alcalde ribeirense, Manuel Ruiz Rivas, e outros concelleiros.

No acto de presentación, ademais de Iglesias, Pombo e España, estiveron presentes Gabriel Rodríguez, responsable de comunicación de Amicos, e representantes das patronais de Ribeira, A Pobra e Boiro, Enrique Martínez, Primitivo Caramés e Tomás Estévez, respectivamente.

22 mar 2021 / 20:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.