Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Animan ós peques do Bayón a degustar produtos do mar

A Cooperativa Santa Eugenia organizou unhas olimpíadas no centro // Con elas achegaron o seu traballo diario ó alumnado

A Cooperativa Santa Eugenia de Ribeira– OPP 83 organizou o pasado venres as Olimpíadas do Mar de Ribeira no colexio Bayón. Unha cita na que participou todo o alumnado de Primaria e que se centrou en tres obradoiros principais: en Coñece a pesca, membros da OPP 83 explicaron aos rapaces como é o seu día a día (que tipo de pesca realizan, que especies capturan ou como é a lonxa e as poxas); Come peixe. Vive Saudable, onde as pequenas e pequenos tiveron que deseñar e desenvolver unha campaña publicitaria co fin de potenciar o consumo do peixe na actualidade; e Desfrutando do peixe, onde profesionais da hostalería contáronlle os segredos de receitas feitas a base de produtos do mar.

No marco desta última proposta, os protagonistas da xornada foron a pota e o lirio. “Delicias do mar que estes pequenos puideron degustar co lirio en tempura e a pota rebozada, todo un éxito de convocatoria onde case todos quixeron repetir e todos coincidiron ao afirmar o rico que estaba o peixe. Algúns se sorprenderon do moito que lles gustou e outros eran grandes coñecedores da materia prima, xa que son moitos os que confirman que comen peixe 3 ou 4 veces á semana”, indicaron dende a Cooperativa Santa Eugenia de Ribeira.

Unha mañá chea de anécdotas e de divertimento onde, a través do xogo, os pequenos e pequenas puideron coñecer máis sobre un dos piares económicos do concello, a pesca, e tamén descubrir todos os beneficios que a día de hoxe ten o peixe co fin de poder levar a cabo unha dieta rica, san e saudable.

Cómpre resaltar que esta acción, incluída dentro do Plan de Produción e Comercialización (PPyC) anual deste 2022, ten como obxectivo dar a coñecer a actividade da Cooperativa Santa Eugenia de Ribeira- OPP83 e tamén fomentar o consumo do peixe entre os máis pequenos da casa. “Este foi o primeiro obradoiro que se desenvolve nun centro escolar, pero o obxectivo é poñer en marcha actividades semellantes ao longo do ano”, apuntaron.

19 nov 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.