Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Antonio Piñeiro presentou en Ribeira a súa novela ‘Celada’

A programación cultural para o mes de abril do Concello de Ribeira concluíu este venres coa presentación da obra gañadora da sétima edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira: Celada, do escritor local Antonio Piñeiro, un evento polo que houbo que agardar varios meses á espera de que as circunstancias sanitarias propiciasen a súa celebración en condicións idóneas.

A actividade concentrou no auditorio municipal a unha trintena de asistentes (o máximo do aforo permitido), os cales se viron agasallados por cortesía do protagonista do encontro cun gravado da súa factura titulado Lúa, sentada e labirinto.

Abriu o acto a concelleira de Cultura, María Sampedro, quen amosou a súa satisfacción por poder levar a cabo esta presentación pendente cando precisamente se está a piques de que o xurado decida a obra gañadora da oitava edición deste certame de carácter bienal (a próxima semana está fixada unha reunión neste sentido).

Acto seguido, o director de Xerais, Fran Alonso, (a editorial que publica as obras galardoadas no concurso), ensalzou a talla literaria de Antonio Piñeiro: “un autor respaldado xa por unha obra moi relevante e tamén por unha cantidade de premios moi significativa, como o García Barros, o Torrente Ballester e este Cidade Centenaria, e que ademais acaba de gañar o Manuel Lueiro Rey do Concello do Grove”, anunciou. Así mesmo, loou a narrativa “coidada, elaborada e profundamente persoal” do autor ribeirense, algo que se ve plasmado nesta novela “polifónica”, ambientada nas revoltas estudantís acontecidas en Santiago na década dos 70 do pasado século.

A continuación compareceu o propio Antonio Piñeiro cunha intervención na que manifestou que estamos ante un libro “fácil de ler”, cun argumento múltiple no que hai unha misteriosa historia de amor solapada debaixo da actividade insurxente desenvolvida na urbe compostelá, á cal cualificou de cidade pioneira nos grandes movementos estudiantís de protesta, á altura do famoso maio do 68.

Piñeiro tamén tivo palabras para o concurso ribeirense (”un premio de categoría no panorama literario galego”, dixo) e avogou por dinamizalo e poñelo en valor a través da creación de novas actividades relacionadas co mesmo como poderían ser ciclos ou talleres.

A presentación de Celada foi pechada polo alcalde Manuel Ruiz, quen, logo de augurar unha longa vida ao binomio Ribeira/Xerais, declarou que se levou unha gran alegría cando soubo que un autor ribeirense fora por fin distinguido no certame logo de que o recibiran outros literatos procedentes de municipios próximos como A Pobra, Noia ou Vilagarcía.

No transcurso da súa intervención, Manuel Ruiz evocou algunhas das súas vivencias como estudante en Santiago, que a temática da obra lle fixo rememorar e que compoñían ao seu xuízo un mundo moi distinto ao que se vivía naquela época a apenas sesenta kilómetros en lugares como Ribeira.

01 may 2021 / 17:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.