Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Na provincia a Deputación destina case 770. 000 € para contratar ós profesionais // Tordoia, Brión, Cee, Laxe, Vedra, Malpica, Muros, Ordes, Ribeira, Rois, Teo, Ponteceso, Porto do Son, Cabana e Lousame teñen a contía máxima TEXTO C. Estévez

Área acada máis da metade dos cartos para técnicos de cultura

Un total de 74 concellos da provincia da Coruña terán persoal técnico especializado en xestión cultural co apoio da convocatoria á que a área de Cultura da Deputación da Coruña destina nesta nova edición un total de 769.959 euros. No caso concreto dos municipios da área compostelá o importe que recibirán é de 433.290, 68 euros, o 56 % do total. Os obxectivos desta iniciativa do ente provincial son dous: por unha banda, crear emprego no sector e, pola outra, a profesionalización das áreas culturais municipais.

A Deputación da Coruña contribuirá á contratación de persoal técnico especializado dun total de 74 concellos da provincia, nunha liña de creación de emprego especializado que se suma á destinada ás contratacións en museos e centros de interpretación municipais, que está dotada con 400.000 euros. Desta maneira, a área de Cultura “colabora cos municipios na xestión profesional e de calidade da acción cultural municipal nun ano de especial relevancia para a recuperación do sector afectado pola pandemia”, sinalan desde a entidade.

A convocatoria promove o mantemento ou creación de postos de traballo de persoal técnico, tanto en xestión cultural como en animación sociocultural. “Queremos contribuír á profesionalización das áreas de cultura dos concellos e tamén dos centros deles dependentes, como museos ou centros de interpretación, para promover tamén boas prácticas na acción cultural que son máis urxentes neste momento, cando a aparición da pandemia provocou unha importante crise no sector e obrigou a mudar as dinámicas existentes na xestión municipal cultural”, sinala o responsable da área de Cultura da Deputación Provincial da Coruña, Xurxo Couto.

As bases da convocatoria foron elaboradas en colaboración con entidades e especialistas do sector para a definición dos perfís profesionais ademais da procura da estabilidade laboral das persoas contratadas. Desta maneira, desde o ente provincial quíxose facer un esforzo en contribuír “á mellora no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo existentes, definindo requisitos, coñecementos formativos, funcións e categorías profesionais para os casos en que os concellos procedan á creación de novos postos de traballo”, sinalan dende a entidade. Neste sentido, as modalidades establecidas na convocatoria son o mantemento e creación de postos de persoal técnico en xestión cultural ou animación sociocultural. Na concesión contémplase o financiamento de persoal a sesenta e seis concellos, ademais dos sete da Mancomunidade de Ordes e o Padroado de Cultura de Narón.

As maiores achegas para a contratación de técnicos culturais foron de 14.970 euros. No caso da área compostelá os municipios beneficiados con esta axuda foron Brión, Cabana de Bergantiños, Cee, Laxe, Lousame, Malpica, Muros, Ordes, Ponteceso, Porto do Son, Ribeira, Rois, Teo, Tordoia e Vedra. Pola contra, os concellos que menos subvencións obtiveron foron Noia (2.686,92 euros) e Camariñas, que obtivo unha achega de 4.657,33 euros.

Case todas as demais vilas de Área percibiron unha axuda de 9.980 euros para contratar o seu persoal técnico cultural especializado.

O PROTAGONISTA
“Importantes para pór en marcha iniciativas”
Antonio Pereiro
Alcalde de Tordoia

“Un ano máis, estas achegas da Deputación resultan moi importantes para pór en marcha no concello iniciativas culturais”, sinala o rexedor. “Dende un principio o noso obxectivo foi dinamizar o máximo posible a vida cultural e social”, engade. A pesar de que as actividades se viron freadas pola pandemia, durante o verán, cando a situación o permitiu, “ofertamos teatro e cine ao aire libre e actuacións”, lembra Pereiro. Asemade, dende o goberno local están a sacar moito proveito ás redes para desenvolver propostas que poidan desfrutarse dende a casa. “Temos unha técnica de cultura que se está a encargar de todo”. Agora mesmo está en marcha no Facebook municipal unha actividade chamada Tordoia Cultural, a través da cal van mostrando distintas curiosidades e historias da vila, e de paso, logran pór en valor o patrimonio e as tradicións.

Estas achegas axudarán a que o goberno local volva incentivar propostas culturais no verán, pois prevese que a situación o permita. “As xornadas de tapas foran un éxito, ao igual que as micolóxicas ou que o Día da Familia”, recorda. “Queremos retomar todas estas actividades, sempre con moita precaución, porque os veciños e veciñas precisan divertirse un pouco”, indica. “Quizais a forma de facelo sexa organizando iniciativas por parroquias para evitar aglomeracións”, remata.

{ A OLLADA }
Un pulo ao sector
C. Estévez

Un ano máis as axudas que os concellos recibirán da Deputación da Coruña resultan fundamentais para pór en marcha as iniciativas culturais que ao longo do ano serán fonte de diversión da veciñanza. Este 2021 é especialmente importante darlle pulo a un sector que se viu moi ensombrecido pola pandemia. O confinamento primeiro, as limitacións de aforo e a suspensión de novo das actividades coa subida dos contaxios, fixeron que 2020 fose un ano sen apenas propostas culturais nos municipios. Polo menos, en formato presencial. Nos vindeiros meses todos agardamos que a situación mellore e polo tanto non pode faltar a cultura no rural. Porque as aldeas teñen dereito a desfrutar de propostas para todos os gustos e idades.

28 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.