Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Atraen 8.000 asistentes as accións culturais de Lousame

Agrafojo amosou a súa satisfacción pola acollida das iniciativas // Por meses, xaneiro e agosto rexistraron as mellores cifras

Un total de 8.191 persoas teñen participado nas actividades organizadas polo departamento de Cultura do Concello de Lousame nos once primeiros meses de 2022. Son datos recollidos pola concellaría de Cultura dos usuarios de bandoticket e da asistencia a iniciativas culturais, como as organizadas pola asociación Prudencio Romo ou a escola de música tradicional O Son do Pote.

A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, amosa a súa satisfacción por unhas cifras “que reflicten a gran acollida que están a ter as distintas iniciativas culturais que estamos a programar, pois temos a satisfacción de comprobar como se cobren sempre as prazas dispoñibles”.

Por meses, xaneiro (1.348) e agosto (1.102) son os que rexistran un maior número de participantes, seguidos por setembro (993) e febreiro (924). Pola contra, abril (472) e marzo (561) son os que se presentan máis frouxos. “Os meses de maior actividade son os que coinciden loxicamente con algunha celebración especial, como poden ser a recepción dos Reis Magos, a Festa de Entroido ou os Campamentos de Verán, pois só nesa actividade reúnes a máis dun cento de persoas”, sinala Silvia Agrafojo.

A pesar dos bos datos, o certo é que durante 2022 aínda non se recuperou o habitual circuíto de exposicións culturais ou presentacións de libros, por exemplo. De feito, coa excepción do nomeamento de Ramón Queiro Filgueira como fillo predilecto, este ano non houbo ningún evento ou gala cultural. Así mesmo, só houbo tres exposicións: Noir Blanc, Sempre con Lousame e A idade dourada dos carteis de maxia.

Entre as novidades da programación deste exercicio figura a primeira edición do San Rockiño 2022, coas actuacións de Residentes e Boomers; e grandes espectáculos que encheron o auditorio da casa da cultura Santeiros de Chave o mesmo día no que saíron as entradas.

“Pasamos dunha pandemia onde polas restricións apenas cubríamos as poucas prazas dispoñibles a unha situación na que o aforo do auditorio queda moi pequeno diante da demanda que temos”, concluíu Eduardo Agraso, técnico de Cultura.

09 dic 2022 / 20:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.