Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Avanza o plan de humanización de O Son coas obras da rúa Santa Irene

Porto do Son. O Concello de Porto do Son informou este mércores do inicio das obras de humanización na rúa Santa Irene, no núcleo sonense, coas que se busca a creación de novos espazos para os peóns. Nesta vía de sentido único conviven o tráfico rodado e o tránsito peonil, así como unha zona de aparcamento sen delimitar.

Co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade e a accesibilidade, construirase unha nova beirarrúa de formigón e granito no primeiro tramo da rúa, creando un percorrido continuo entre a rúa Avellaneda e o acceso ao pavillón municipal.

Asemade, a actuación tamén inclúe a instalación de novo mobiliario, como bancos e farolas, a plantación de árbores e a colocación dunha marquesiña de aceiro laminado con acabado exterior de madeira de pino para protexer ás persoas usuarias do polideportivo. Á súa vez, incorporaranse bolardos, papeleiras e un aparcabicicletas.

Ademais, segundo fontes municipais, o proxecto contribuirá á substitución dos condutos, arquetas e pozos das instalacións subterráneas existentes por unhas novas, mellorando o saneamento e abastecemento de auga potable. Tamén se engadirán instalacións novas, como as de telecomunicacións, e soterraranse as de electricidade, alumeado público e telefonía.

O Plan Único da Deputación sufragará 174.994 euros dos 179.286 euros do total deste proxecto, que conta cun prazo estimado de execución de dezaseis semanas. m. c.

30 mar 2022 / 20:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.