Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Avanza o proxecto para a planta depuradora da parroquia de Queiruga

Licitarán e adxudicarán as obras neste ano cun investimento de preto de 2 millóns de euros

Porto do Son. O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, informoulle onte ao alcalde de Porto do Son, Luis Oujo Pouso, dos avances no proxecto de saneamento na parroquia de Queiruga, que suporá a construción dunha nova EDAR.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a ultimar o proxecto e, cando o Concello leve a cabo a tramitación previa de posta á disposición dos terreos necesarios e a información pública, procederase á súa licitación.

Gonzalo Trenor recalcou que a previsión do Goberno galego é poder licitar e adxudicar as obras neste mesmo ano e que suporán un investimento autonómico próximo aos dous millóns de euros.

O delegado da Xunta tamén explicou que as actuacións proxectadas pretenden mellorar o sistema de saneamento existente mediante a construción dunha nova planta no lugar da Ponte.

Ademais, proxéctanse unha nova rede de colectores de augas residuais, tres estacións de bombeo e dúas impulsións para a condución das augas á nova EDAR. Tamén se inclúe a execución de dous colectores de pluviais.

De acordo coa alternativa proposta, a rede de Queiruga estaría composta por un total de dez colectores, oito por gravidade e dous por impulsións. Así mesmo, será precisa a construción de tres estacións de bombeo nos lugares de Tarrío, Seiras e A Ponte.

En total prevese a execución dunha rede de colector de augas residuais, pluviais e impulsións que suma máis de 5.300 metros de lonxitude.

Trenor salientou que “a nova instalación suporá un gran avance para a rede de saneamento dos principais núcleos costeiros de poboación do municipio sonense”. m. c.

05 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.