Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Román Rodríguez anuncia o impulso da Xunta á escola-taller que ten o Museo do Gravado para complementar a formación do alumnado de Belas Artes e reforzar a súa Biblioteca Ilustrada // O artista de Aguiño amosa 110 punta secas TEXTO Suso Souto

Ayaso exhibe en Ribeira debuxos inspirados na obra de Franz Kafka

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou este venres un reforzo do apoio da Xunta ao Museo do Gravado de Ribeira que suporá o impulso da súa escola-taller para complementar a formación do alumnado de Belas Artes e os estudosos do gravado e reforzar a súa Biblioteca Ilustrada.

Así o manifestou durante a inauguración da exposición en homenaxe ao ilustrador Manuel Ayaso, un dos máis destacados debuxantes galegos, natural da parroquia ribeirense de Aguiño. Rodríguez gabou o traballo do Museo do Gravado por reunir nunha exposición os máis de 110 gravados deste autor inspirados na obra de Franz Kafka.

No acto (ao que tamén asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o alcalde, Manuel Ruiz; a deputada provincial de Benestar e Educación, Sandra González Castro; e o director do centro, Pastor Rodríguez) o conselleiro puxo en valor a obra de Manuel Ayaso, “un referente fóra das nosas fronteiras sen renunciar en ningún momento ás súas orixes galegas”, dixo.

Asimesmo, recordou a súa proxección internacional, que ao longo da súa extensa carreira fixo que os seus traballos se expuxesen en países como México, Italia ou Estados Unidos. “Agora temos a sorte de gozar do seu arte na súa casa”, dixo.

“Este ano daremos un paso máis coa nova escola-taller”, indicou o conselleiro, quen anunciou que a Xunta dará resposta así a unha demanda do centro museístico reforzando o apoio á escola que permitirá ofrecer cursos de iniciación e profesionalización para alumnado de Belas Artes e persoas interesadas.

“Este espazo é moito máis que un museo; exerce tamén como dinamizador cultural da comarca e de todo o territorio, consolidándose como un referente nacional”, expresou. Rodríguez referiuse á colección de 40.000 pezas de máis de 400 artistas e á súa biblioteca, que inclúe “verdadeiras xoias bibliográficas”.

“Ao estilo único de Kafka une agora o seu, tan persoal, Ayaso, con esa forza que une o onírico e o expresivo, o surrealismo e o expresionismo, o símbolo e o soño”, engadiu.

A mostra está formada por 110 punta secas. Pastor Rodríguez sinalou que “Ayaso consegue unir a súa creatividade onírica e telúrica á obra alucinada de Kafka, na que soño, angustia, reflexión e humor negro nos falan da condición humana”.

Pola súa banda, o propietario do museo, Javier Expósito, non puido estar presente, pero enviou unha carta na que sinala que a biblioteca do centro “é un referente bibliográfico no que a cultura se manifesta a través de máis de 30 idiomas”. Ademais, destacou que “temos pendente de poñer en funcionamento o taller de gravado e a súa biblioteca específica, diferente da do museo; será un taller único en España e un dos catro ou cinco permanentes que existen en Europa”.

VIDA EN ESTADOS UNIDOS. Nacido en Aguiño, en 1934, Manuel Ayaso marchou en plena postguerra a Estados Unidos, onde estudou na Newark Schooll of Fine and Indsustrial Arts de Netwark, en New Jersey. Viviu case toda a súa vida en América, pero, como demostra a súa obra, non se esqueceu en ningún momento da súa terra natal.

O acto inaugural converteuse nunha homenaxe ó artista de Aguiño. A mostra complétase coa edición dun libro en tirada limitada de 26 exemplares numerados e asinados polo artista, con textos de Felipe Senén, Eva Veiga e Xabier L. Marqués. Pode verse de 09.30 a 16.00 horas de martes a sábado ata o cinco de maio.

O Museo do Gravado celebrará este ano o seu vixésimo aniversario.

areadecompostela@elcorreogallego.es

05 mar 2021 / 18:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.