Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Balizarán o emisario da EDAR de Muros para evitar que sexa arrincado polas embarcacións

Hai dous anos tivo que ser reparado cando un buque arrastrou un tramo de 110 metros // Licitouse xa a redacción do proxecto

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo de balizamento do emisario submarino do concello de Muros.

Este contrato, cun investimento autonómico de máis de 5.000 euros, foi adxudicado á empresa Ingeniería Creativa Pita S.L. (Increa). O prazo de execución das tarefas é de seis meses.

A actuación obxecto deste contrato consiste en definir, a nivel construtivo, un deseño disuasorio para os arrastreiros, de tal xeito que se reduza o risco de que as embarcacións enganchen o emisario e danen a citada instalación, como xa ocorreu no pasado.

O emisario da depuradora de Muros, xestionada por Augas de Galicia, foi reparado recentemente tras sufrir unha avaría ao arrincar un barco os últimos 110 metros da tubaxe. Para evitar novas incidencias e que o arrastre de redes, áncoras e outras accións externas dane o novo tramo difusor, proxéctase o balizamento do emisario co obxecto de cumprir as funcións de defensa e prevención.

Os traballos constan de dúas fases. Na primeira, realizarase un deseño previo dos elementos que constitúen o balizamento do emisario, que incluirá o proceso construtivo e os planos descritivos: situación, planta e elementos que o constitúen. Esta primeira fase é precisa para poder solicitar os permisos correspondentes para a posterior execución desta actuación.

Na segunda, os traballos centraranse no deseño do proxecto construtivo do balizamento, no que se dimensionarán os distintos elementos, como a cadea e a boia, de tal xeito que soporten as accións do mar, con seguridade suficiente. Farase un informe xustificativo das dimensións dos diferentes elementos.

Ao remate do contrato, Augas de Galicia contará cos planos descritivos, especificacións técnicas dos materiais e medidas. A alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, amouso a súa satisfacción ante o anuncio desta actuación.

Unha zona rochosa

··· Rotura. O emisario submarino de Muros sufriu unha avaría en novembro de 2018 cando unha embarcación arrincou o seu último tramo, no que xa se tiñan detectado desperfectos. Daquela, o arranxo resultou complicado, dado que se trata dunha zona moi rochosa. Optouse por abordar a reparación proxectando un difusor a partir do punto de rotura (a 13,5 metros de profundidade).

08 ene 2021 / 14:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.