Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Rianxo activou a súa coincidindo co Black Friday e ofrece os servizos de entrega a domicilio e envíos nacionais // Boiro descarta esta ferramenta ó non vela operativa TEXTO Suso Souto

Barbanza agrupa xa 217 empresas en tres plataformas ‘online’

Que o comercio local esté presente en Internet é algo fundamental. Pero, na situación actual xurdida pola crise da COVID, esta presenza cobrou especial forza, converténdose nunha necesidade vital para o pequeno comercio e as pemes.

Varios concellos e patronais reaccionaron facendo unha fronte común para promover a unión e a forza na promoción e comercialización conxunta a través de Internet, co doble obxectivo de crear novos clientes e aumentar as vendas. Froito dese traballo son as plataformas que, no caso do Barbanza, agrupan xa a 217 negocios dos concellos de Rianxo, Ribeira e Porto do Son.

A última en activarse foi a rianxeira, esta mesma semana, coincidindo co Black Friday. Denomínase Mercarianxo.gal e agrupa a unha vintena de tendas de gran variedade de artigos: moda, beleza, decoración e fogar, electrodomésticos, informática, xoguetes, libraría, deportes e náutica, ferraxería e bricolaxe e tamén motor. Calquera produto que se merque nas distintas tendas conta con posibilidade de entrega a domicilio ou con recollida no propio establecemento.

Un dos atractivos desta iniciativa é o reparto local, que conta con prazos de entrega moi reducidos, podendo chegar a entregarse ata no propio día, así como tamén a posibilidade de pedido multitenda, que permite mercar en varias tendas e pagar un só envío.

Pero Mercarianxo.gal é mais que unha plataforma de venda local, xa que tamén conta coa opción de envíos rexionais e nacionais, e por esta razón, a páxina está dispoñible tanto en galego como en castelán.

Dentro da plataforma tamén existe unha sección destinada ás empresas, que funciona como un escaparate virtual no que poder ver toda a información actualizada.

Pola súa banda, o marketplace Ribeira Store entrou en funcionamento en agosto con 129 negocios adscritos e a posibilidade de adquirir 593 artigos diferentes, pero na actualidade son xa 135 os comercios rexistrados e 816 os produtos que ofrecen.

En Porto do Son, a plataforma denominouse Sonoteucomercio.gal e agrupa a 62 empresas dos sectores de alimentación, comercio, hostalería, servizos e turismo.

“démoslle varias voltas”. Sin embargo, a patronal de Boiro descarta crear unha ferramenta similar. “Xa o estudamos; démoslle varias voltas, pero non vemos operativa unha plataforma conxunta. Noutros concellos hai poucos negocios nelas e acaban abandoándoas”, sinalou a este xornal o presidente da citada entidade, Daniel García.

o protagonista
“Competir na canle virtual”
Adolfo Muíños Sánchez
Alcalde de Rianxo

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, dixo que “estamos preparando un convenio ca patronal no que nos comprometemos a financiar actividades da mesma, entre as que estaría colaborar co lanzamento de Mercarianxo.gal. Valoramos moi positivamente a iniciativa, pois é realizada por empresas da comarca. Pon en liña empresas e produtos locais para competir con outros mercados nun crecente uso do virtual como canle de compravenda comercial”.

{ a letra pequena }
Unión e forza
Suso Souto

GALICIA naceu no minifundismo, pero medrou na concentración. Custou tempo e traballo dar pasos nese eido. Algunhas concentracións parcelarias foron dolorosas. E, no eido empresarial, teñen fracasado importantes proxectos de interese sectorial por antepoñer orgullos e estratexias individualistas. Pero a necesidade obriga. E, así como se avanzou no campo cara o agrupamento de propiedades a medida que se ían vendo as vantaxes na explotacion, tamén nos eidos comercial e empresarial se está abrindo unha nova etapa. Despois de que desapareceran ou perderan fuelle algunhas patronais (mesmo a comarcal do Barbanza), concellos e asociacións empresariais volven traballar xuntos polo interese xeral, sabedores de que a unión e a forza son as claves do éxito ante un inimigo común.

29 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.