Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
As lonxas de Cabo de Cruz, Ribeira e A Pobra recibiron a ecoetiqueta que certifica unha actividade pesqueira respectuosa co medio ambiente // Pon en valor os pescados e mariscos resaltando a baixa pegada de carbono e a eficiencia enerxética nas capturas // Xa a teñen trinta e tres confrarías TEXTO S. S.

Barbanza súmase á pesca en verde

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliñou este venres en Ribeira a transcendencia de contar cun sector pesqueiro responsable que aposte por unha actividade sustentable e respectuosa co medio ambiente e ao mesmo tempo cunha diferenciación das súas capturas que permita aos consumidores elixilos sendo conscientes de que, ao tempo que os mercan, están a coidar a contorna.

Iso é o que permite a ecoetiqueta Pescaenverde que, baixo o paraugas da marca PescadeRías, acredita a baixa pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético da frota artesanal e que recibiron as confrarías de Vilaxoán, Cabo de Cruz, Ribeira, A Pobra, Cedeira e Ferrol.

Estas entidades xa estaban certificadas cun selo (PescadeRías, de onde senón?) e agora poderán incorporar a marca Pescaenverde nas súas etiquetas para acreditar esa actividade pesqueira respectuosa co medio ambiente. Con elas, son xa 33 as confrarías de Galicia que contan con este distintivo para darlle valor aos seus produtos facendo ver aos compradores que son capturados cunha baixa pegada de carbono e de xeito eficiente enerxeticamente.

A conselleira incidiu en que a etiqueta Pescaenverde aporta máis información sobre o impacto ambiental, a confianza que dá unha certificación amparada por unha institución académica de recoñecido prestixio como a Universidade de Santiago e a evidencia de que as especies comercializadas baixo a marca PescadeRías están nos límites aceptables da pegada de carbono e da taxa de retorno enerxético.

Esta ecoetiqueta ten o respaldo científico do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) da Universidade de Santiago de Compostela, que deseñou un software para promover o cálculo da pegada de carbono e da taxa de retorno enerxética adaptada ás características do sector pesqueiro. No ano 2013 a Oficina Española de Patentes e Marcas expediu o título de rexistro da marca Pescaenverde. Trátase dun selo que aporta información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medio ambiente, ao mesmo tempo que outorga un valor engadido aos produtos que incorporan a marca, impulsando a venda nun mercado cada vez máis competitivo e no que moitos compradores buscan produtos respectuosos co medio ambiente.

a protagonista
“Para presumir de produtos, de sector e de bo facer”
Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar

Rosa Quintana salientou que a ecoetiqueta permite a Galicia “presumir de produtos, de sector e de bo facer” posto que contribúe a engadir valor aos peixes e mariscos comercializados (ao diferencialos como procedentes dunha actividade máis sustentable e eficiente). Ademais, “facilita a avaliación dos custes de explotación do sector e a transmisión dos resultados obtidos a toda a cadea de venda”, engadiu. Incidiu en que axuda tamén a que o consumidor localice os produtos con mellores indicadores ambientais para unha toma de decisións máis sostible, así como a loita contra os fraudes na etiquetaxe xerando maiores garantías. “A experiencia de compra é así máis responsable. Nótase na cesta, na mesa e na conciencia ambiental”, dixo. Quintana animou ó sector “a seguir nesta liña, difundindo os produtos baixo o paraugas de garantías ambientais, calidade e sustentabilidade, para que o conxunto da frota poida mellorar resultados e rendibilidade”.

{ a letra pequena }
En primeira instancia
Suso Souto

TEMOS os mellores pescados e mariscos. A estratexia da Administración autonómica permitiu mellorar sustancialmente a súa promoción e a súa comercialización, actuando paralelamente na modernización e na profesionalización do sector, en todos os eslabóns da cadea: das praias ós mercados, pasando polos portos e as lonxas. E, canto máis avanzamos nesa liña, transversalmente, mellores son os resultados, como demostran anualmente os balances de facturación. A Xunta dá agora un paso máis, esencial tamén, poñendo o acento na sustentabilidade da produción, no respecto ao medio ambiente coas capturas. Porque, para que o consumidor valore o produto en base a eses parámetros, antes temos que facelo nós. En primeira instancia.

26 mar 2021 / 18:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.