Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Praza Teodomiro Hidalgo acolle este venres a lectura dun manifesto // Sumarase a rapazada do colexio Cernadas de Castro con escritos e cunha representación TEXTO María Cano

Berro contra a violencia de xénero en Lousame

O Concello de Lousame conmemorará o Día Internacional contra a Violencia de Xénero coa lectura dun manifesto institucional este venres 25 de novembro, a partir das 12.30 horas, na Praza Teodomiro Hidalgo. Un acto que estará presidido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, e pola concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, e ao que se sumará a rapazada do CPI Cernadas de Castro, que procederá á lectura dalgúns escritos e porá en escena unha representación sobre a violencia contra as mulleres.

Un alumnado que participou durante a xornada deste xoves nunha ciberquedada con outros institutos da provincia da Coruña para abordar a problemática da violencia de xénero nos contextos dixitais. Unha actividade incluída na iniciativa Ciberacción para público xuvenil: afrontamento das violencias na rede, organizada pola Deputación Provincial, onde o alumnado tratou cuestións como o sexting ou o grooming.

Así mesmo, o alumnado dos cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria levou a cabo a actividade Ciberacción para público infantil: canto sabes sobre as violencias dixitais?, un xogo interactivo cunha guía didáctica.

Paralelamente, o Concello de Lousame está desenvolvendo nas redes sociais a campaña de sensibilización Eu digo NON á violencia de xénero, onde a veciñanza ten que facerse unha fotografía co material da campaña, dispoñible na fachada da casa consistorial. Unha imaxe que deberán compartir nas súas redes sociais etiquetando ao Concello de Lousame no seu Facebook (/concello.delousame), Instagram (/somoslousame) ou Twitter (@SomosLousame). Aqueles que non dispoñan de redes sociais, poden enviar as súas imaxes por WhatsApp ao número 689 126 385 (serán compartidas no Facebook do Concello).

Ao finalizar a campaña, a administración local sorteará 6 vales de 50 € cada un en material deportivo entre todas as persoas que participaran nela etiquetando ou enviando as súas fotografías. O prazo para enviar ou etiquetar fotos remata o día 27 de novembro. Na semana do 28 deste mes farase público o listado de persoas participantes, dispoñendo de 24 horas para comunicar calquera incidencia antes do sorteo.

Agrafojo fai un chamamento á participación, “xa que se trata dunha actividade dirixida non só a sensibilizar á xente sobre a importancia de previr a violencia de xénero, senón tamén de amosar o noso rexeitamento á violencia contra as mulleres e o noso total apoio ás vítimas”.

Así, a campaña combina pancartas con mensaxes como “Lousame di NON á violencia de xénero” ou “Ante o maltrato, tolerancia cero”.

Finalmente, os días 10 e 17 de decembro organizan unha nova edición do curso de defensa persoal dirixido a mulleres, que terá lugar no CPI Cernadas de Castro, impartido por membros da Federación Galega de Loita. Unha actividade que se levará a cabo coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade.

25 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.