Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Boiro difunde roteiros turísticos deseñados por tres sendeiristas

Xa están dispoñibles na web municipal, pero engadiranse máis // Transcorren por Pasais de Coroño, os muíños de Breiro e a aldea de Sealo

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, presentou o proxecto Boiro facendo camiño, co que se pretende dar a coñecer distintas rutas de sendeirismo polo municipio. O rexedor estivo acompañado das persoas que colaboraron no deseño dos itinerarios: Eduardo Estévez, Bernardino González e José Cornado.

O obxectivo é difundir roteiros pouco coñecidos pero accesibles, fáciles e pensados para que calquera os poida realizar. Para trazalos, o departamento de turismo contou ca colaboración de afeccionados ao sendeirismo que os fixeron buscando dar a coñecer lugares emblemáticos.

Os percorridos, que se poden consultar na web boiroturismo.gal e descargar mediante dispositivos móbiles, transcorren a carón de hórreos, cruceiros, lavadoiros, fontes... polo que son unha ferramenta que serve como divulgación do patrimonio etnográfico e paisaxístico.

Neste momento hai deseñadas tres rutas, pero a idea é ir engadindo máis. O proxecto é participativo, polo que a veciñanza pode propoñer tamén novos percorridos, que o Concello validará e revisará con rigor antes de engadilas.

Un dos sendeiros dispoñibles neste momento é o de Boiro-Pasais do Coroño, unha ruta circular que transcorre polas dúas marxes do río Coroño. Ten 10 quilómetros de distancia e unha duración estimada de dúas horas e media. Outra é a dos muíños do río Breiro, que sae do centro de Boiro. Ten unha distancia de 6 quilómetros e unha duración de unha hora e 45 minutos. Con esta recupérase a brillantez que o camiño dos muíños tivo no seu momento, cando estes funcionaban e a veciñanza facía uso deles.

PANORÁMICAS DA RÍA. A terceira das rutas dispoñibles é a de Boiro-Sealo-Madalena, que pasa pola aldea de Sealo e que se conserva case como orixinariamente ao quedar illada logo da construción da autovía do Barbanza. É recomendable para facer en verán, á ultima hora da tarde, debido ás vistas panorámicas da ría que se poden ver durante o seu percorrido.

05 mar 2021 / 15:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.