Boiro invita a moverse con obradoiros de baile, ximnasia e equilibrio
Todas as actividades son de balde e vanse celebrar durante este mes e o de febreiro

Boiro. O Concello de Boiro organizou o programa de actividades Miscelánea en movemento. A edil de Igualdade, Dores Torrado, presentou as actividades ca mestra de ballet de Cen Pliés, Susana Muñiz, e a mestra de baile de Xilbarbeira, Conchi Carro.
Vaise desenvolver entre xaneiro e febreiro e inclúe propostas para traballar o movemento en persoas adultas.
Todas as actividades son de balde e teñen como obxectivo favorecer a conciliación laboral e familiar co ocio. Unha delas é un taller de iniciación ao baile tradicional coa asociación Xilbarbeira para crianzas maiores de 3 anos.
Será os domingos 22 e 29 de xaneiro e os días 5 e 12 de febreiro ó mediodía no local multiusos do mercado.
Haberá tamén unha actividade de ximnasia hipopresiva con Verónica Couselo, de Pilates Boiro, o sábado 28 de xaneiro ás 11.00 horas no centro social, e un obradoiro de iniciación ao swing con Carlos Tomico o sábado 4 de febreiro ás 11.00 horas no local Leñaverde do centro social.
O programa engloba tamén un taller de equilibrio en movemento a cargo de Susana Muñiz o día 11 de febreiro ás 18.00 no centro social.
O prazo para facer as inscricións a través do Rexistro Xeral abrirase este xoves 12 e pecharase o luns 30. s. s.