Campaña para impulsar as compras en galego nos locais outenses
Repartirán dípticos, bolsas de tea e tamén adhesivos para fomentar o seu uso
Outes. Baixo o título En Outes, en galego! o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello outense vén de retomar a campaña de dinamización lingüística no ámbito comercial coa finalidade de promover o emprego do galego como lingua habitual na realización do traballo diario dos negocios.
O técnico de normalización lingüística, Luís Pérez Barral, sinalou que a campaña “promoverá o uso do galego tanto entre comerciantes como entre clientes e achegará razóns da importancia de usar o galego no ámbito económico”. Asemade, explicou que o idioma “achega valores positivos que debemos resaltar como son a proximidade, a calidade, a autenticidade e mesmo permite xerar postos de traballo no país”.
Pola súa banda, a tenente de alcalde, Alba Quintela Vilariño, destacou que con esta iniciativa “fixamos un dobre obxectivo: potenciar o uso da lingua como distintivo de prestixio do comercio local, dámoslle máis visibilidade e colaboramos co tecido comercial e hostaleiro”.
Outra das finalidades desta campaña é apoiar aos establecementos locais e fomentar o consumo que se fai nos mesmos. Con este propósito distribuiranse gratuitamente materiais útiles e atractivos para os comerciantes e para a clientela tales como adhesivos, folletos explicativos, bolsas de tea, etcétera.
Por último, o SNL prestará asesoramento lingüístico de maneira gratuíta a todos os negocios que desexen aumentar a presenza do galego no comercio. m. c.