Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 30 noviembre 2021
23:17
h

Castelao, guía dunha visita a Rianxo con 33 localizacións

Elaboran un roteiro a través de casas e espazos aos que o autor estivo vinculado // Un xogo convérteo en anfitrión virtual

Numerosas edificacións e espazos urbanos de Rianxo estiveron vinculadas, en maior ou menor medida, ao escritor, político e debuxante máis universal de Galicia: Castelao. Lugares nos que se respiran a súa traxectoria vital, o seu legado e a súa obra. O alumnado do obradoiro de emprego Carnero Valenzuela II vén de elaborar un roteiro en torno a 33 deses lugares. O traballo está dispoñible na web do Concello e inclúe un xogo no que o autor se converte en anfitrión virtual e o usuario debe respostar correctamente ás súas preguntas para avanzar nesta apaixonante viaxe para coñecer Rianxo da man de Castelao.

A viaxe comeza ante a casa consistorial. O edificio do Concello, no cal exerceu durante diversos anos de concelleiro e alcalde o pai de Castelao, comezou a levantarse no 1867. Ás portas do século XX, Rianxo deu un paso cara ao modernismo ao desprazarse o centro administrativo e de servizos da zona da Ribeira para O Campo. Este, na actualidade, está formado por dúas terrazas: a do Campo de Arriba, onde os mariñeiros aproveitaban para secar ou atar as redes, e a do Campo de Abaixo, oficialmente chamada Praza de Castelao, que foi escenario de grandes acontecementos históricos protagonizados polos mandatarios dos grupos políticos do momento. Por exemplo, un acto da Gran Diada Galeguista, que se celebrou o domingo 18 de setembro de 1932, con asistencia de catro mil persoas.

Alí está a primeira librería da vila, que conta con máis de cen anos. O seu fundador, Cándido C. González, foi un dos amigos íntimos de Castelao. En febreiro de 1936, Cándido é nomeado alcalde, pero nos comezos da Guerra Civil foi acusado de masón, detido e encarcerado. Afortunadamente saíu en liberdade ao pouco tempo. Peor sorte tivo o seu fillo Candidito, que pola súa afinidade co Partido Galeguista viuse obrigado a andar meses escondido ata fuxir a Arxentina.

O Museo Manuel Antonio, propiedade do Concello, foi a casa dos Pérez, familia do poeta Manuel Antonio (1900-1930). Recrea nos seus tres andares unha casa vilega e amosa nos seus andeis a biografía do chamado Poeta do mar. Alberga no primeiro andar unha colección de fotos de Rianxo de comezos do século XX feita polo seu curmán, o fotógrafo Pepito Pérez. No segundo recrea unha das habitacións co seu mobiliario e no terceiro andar expóñense os cadernos de bitácora da súa navegación náutica no Constantino Candeira ou no Gelria. Tamén se expón o pacto de sangue que asinou cuns amigos da infancia co seu compromiso co galego.

Outro punto da ruta é a Casa dos Aguirre, que foi o fogar de Castelao e da súa dona, Virxinai Pereira. A orixe desta edificación remóntase a 1565, e era propiedade dun fidalgo.

En outubro de 1912, instaláronse nela. Ademais de vivenda, converteuse tamén no consultorio médico de Castelao, no que exerceu a medicina durante dous anos. Neste fogar naceu o seu único fillo: Alfonso Luís Xesús.

A viaxe continúa polo lugar no que naceu o autor (a casa do seu avó materno, José Ramón Castelao Vidal, situada no Cabo da Vila, aínda que a primitiva foi demolida no ano 1900 pola súa avoa Teresa, construíndose outra no seu sitio); a casa na que viviu, na rúa de Abaixo; ou a librería Cándido, a primera da vila, fundada hai máis de cen anos.

Da casa dos doce balcóns ó chalé dos Baltar, pasando polo hórreo que esquivou a piqueta

Rianxo. A vistosa casa dos doce balcóns, repartidos entre a fachada da rúa de Abaixo e a da Calella do Xudeu, pertenceu por un tempo a Manuel Rodríguez Insua, casado en segundas nupcias coa viúva de Losada, Pilar Castelao Genme. Deste modo, os fillos de Pilar, tanto Xosé Losada Castelao, do primeiro matrimonio, como Manuel Rodríguez Castelao, do segundo, pasaron a ser coñecidos en Rianxo como os irmáns Insua, cando en realidade de Insua só era fillo un, Manolo. Este último era artista e colaborou con Castelao achegando debuxos para a súa obra As cruces de pedra na Galiza.

Ambos irmáns eran coñecidos políticos nacionalistas, polo que ao inicio da Guerra Civil abandonaron esta casa para fuxir ao monte. En 1937 tentaron marchar de Galicia desde o porto de Vigo a bordo do Bou Eva. Pero foron delatados e os falanxistas asaltaron o barco. Ambos os irmáns e os seus compañeiros decidiron suicidarse para non caer nas súas mans.

Outras paradas da ruta son o restaurante Feliciano (que abriu as súas portas en 1946 e en cuxo balcón sonou por primeira vez en Galicia a Rianxeira); o desaparecido Cine Iglesias (no que o escritor deu un acalorado mitin en 1934); o chalé do alto de Tanxil do cirurxián Ángel Baltar (que operou duns ganglios a Castelao en maio de 1911); ou o hórreo que o pai de Castelao, Mariano Rodríguez, construíu na Fincheira sen permiso en 1919 e que esquivou a piqueta grazas á mobilización dos veciños de Rianxo, que impediron que o cacique Manuel Viturro (inimigo da familia do escritor) se saíse ca súa. Son só algunhas curiosidades desta ruta de 33 localizacións. s. souto

11 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.