Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Catorce empresas optan a remodelar a travesía de Palmeira

A Xunta recibiu doce ofertas para a redacción do proxecto construtivo da actuación destinada á recuperación da identidade urbana da estrada autonómica AC-305 na travesía de Palmeira, no concello de Ribeira. Delas, dúas están conformadas por UTE, o que supón un total de 14 empresas.

O contrato de redacción deste proxecto, licitado por case 262.000 euros, inclúe a dirección das obras das actuacións necesarias para humanizar a travesía de Palmeira. O prazo total de execución dos traballos é de 21 meses e o obxectivo da Xunta é dispor do proxecto construtivo redactado na primavera do vindeiro ano para, a continuación, licitar as obras.

Esta nova actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez, trata de recuperar o espazo público da estrada autonómica para os veciños de Palmeira, con actuacións que supoñan a mellora da mobilidade e da seguridade viaria, e que levarán aparellado un investimento da Xunta de arredor de 2,2 millóns de euros.

A intervención, que terá en conta a participación veciñal e do propio Concello de Ribeira, busca ofrecer un carácter máis humano e máis social á estrada a medida que pasa polo centro urbano de Palmeira. Trátase de adaptar a configuración da AC-305 á realidade actual deste núcleo de poboación, para conseguir unha vía completamente integrada no tecido urbano. Actuarase ao longo dun quilómetro con distintas intervencións encamiñadas a garantir a seguridade de peóns e de condutores, a potenciar o carácter de vía lenta, priorizando a mobilidade peonil e actuando sobre o deseño integral da rúa.

No proxecto definirase a reordenación da sección transversal da estrada, reducindo o ancho de carril e dotando as marxes de franxas verdes e arborado, co obxectivo de gañar espazo para os peóns e de facer máis humana a vía. Tamén, de cara a reforzar a seguridade viaria, minorarase a velocidade a 30 km/hora.

Ademais, para priorizar a mobilidade a pé dos veciños, reducindo o protagonismo dos coches, disporanse plataformas únicas, habilitaranse aparcadoiros alternativos, ampliaranse as beirarrúas e dotarase a zona de mobiliario urbano, para uso e desfrute da xente. O proxecto incidirá, tamén, no deseño integral da rúa, procurando a maior integración urbana e paisaxística de todos os elementos, o tendido eléctrico, o saneamento e outros servizos urbanos, os pavimentos, as ramplas e encontros de superficies. Este conxunto de actuacións están a ser impulsadas desde a Xunta en colaboración coa Fundación RIA e teñen como obxectivo mudar por completo a imaxe da estrada autonómica AC-305 na travesía de Palmeira. Así, a intervención en Palmeira será un exemplo que se replicará noutras zonas da estrada AC-305 en contornos urbanos para adaptar a vía á súa funcionalidade.

Esta actuación forma parte do convenio asinado en xaneiro pola Xunta e Fundación RIA, cun investimento de 212.000 €, para deseñar intervencións en 5 ámbitos urbanos desta estrada no Barbanza para lograr unha convivencia máis harmónica entre vehículos e peóns.

08 may 2021 / 12:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.