Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Trátase dun proxecto de pequenas dimensións obra dos profesionais Juan Creus e Covadonga Carrasco // Construíuse a través dunha petición veciñal e co apoio do Concello e Deputación // Destaca a súa discreta implantación no lugar TEXTO M. Cano

Citan ó centro social de Cornido nos galardóns de Arquitectura

O centro social de Cornido, en Carnota, obra dos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco, acaba de conseguir unha mención especial nos Premios de Arquitectura e Urbanismo 2020 do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE). Este edificio, de pouco máis de sesenta metros cadrados, construíuse a través dunha petición veciñal e co apoio do Concello e a Deputación da Coruña. Levantouse durante o ano 2018 e inaugurouse no verán do 2019.

Algunha das peculiaridades que o fan singular e merecedor desta distinción son o estar construído nun talud verde, cunha marabillosa vista na que se mesturan a aldea, o monte e un horizonte soleado coa praia e o mar ao fondo. Tamén a situación dun dos accesos na parte superior do talud, onde hai un ensanchamento do lugar e unha zona de aparcadoiro, así como o programa mínimo formulado polos veciños dun espazo único para actividades, con cociña, aseo adaptado e almacén.

A solución dada por Creus e Carrasco foi crear un cubo de formigón encaixado no desnivel que non sobresae por arriba, senón que cede a súa cuberta axardinada como miradoiro e espazo público. Ademais, explican que este volume único que, literalmente, sae do talud, non chega a posarse de todo no nivel inferior: un fermoso prado.

Desta maneira, íllase, e conecta ao terreo dependendo do nivel desde o que un accede, desde arriba cunha escaleira escavada que chega ao espazo interior principal cunha gran fiestra ao fondo; e desde máis abaixo mediante una entrada accesible que permitirá a relación e extensión do uso polo espazo verde.

Polo que respecta ao interior do inmoble, para acomodalo os arquitectos crearon unha solución sinxela e ordenada: a un lado, o do terreo, situaron todos os elementos de servizo concentrados nun largo armario; no oposto, unha gran ventá con mesa e bancos e, entre ambos, o espazo diáfano para actividades. Creus e Carrasco mostraron a súa satisfacción por esta mención a un proxecto “moi humilde e de pequena dimensión, nacido da necesidade duns veciños que puxeron moito da súa parte para conseguilo”.

Consideran que o recoñecemento “di moito dun xurado e un premio dunha institución como o CSCAE, aproximándose a unha arquitectura moi próxima á xente das aldeas que sufre a despoboamento e desconexión do urbano. Tamén pola toma en consideración dunha arquitectura feita en Galicia, con raíces nela pero sen perder capacidade de explorar novos camiños que entendemos son válidos e de interese nun mundo cada vez máis globalizado que, sen dúbida, necesita respostas”, manifestaron Creus e Carrasco.

premiados Ademais do centro social de Cornido, nos Premios de Arquitectura e Urbanismo 2020 dúas obras máis galegas resultaron gañadoras: o Premio de Arquitectura recaeu no Complexo Turístico de Albeida, en Outes, dos arquitectos Alfonso Salgado e Francisco Liñares, e outra mención foi para a rehabilitación do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, dos arquitectos Xosé Manuel Casabella López e José Luís Martínez Raído.

A decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia, apuntou sobre o edificio de Carnota que este resalta pola súa discreta implantación no lugar e o seu respecto á paisaxe de Carnota, “un dos máis belos da comunidade”. En canto ás cabanas do bosque de Albeida, sinalou que o proxecto “é unha clara aposta pola sostibilidade e a integración no complexo territorio galego. Polo tanto, é un merecido recoñecemento ao traballo ben feito”.

02 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.