Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
SHOWCOOKING. Representantes de dez restaurantes degustaron produtos do mar que cociñaron os participantes no obradoiro O Pote // Elaboraron hamburguesas de lirio, tataki de cabala ou lombos de xurelo con costra de noz e olivas TEXTO S. Souto

Clase maxistral de alumnos de hostalería na lonxa de Ribeira

O salón de actos da lonxa de Ribeira acolleu onte un showcooking elaborado polo alumnado do obradoiro de emprego de cociña O Pote que se imparte da Escola de Hostalería da localidade, ubicada no edificio do mercado municipal de abastos.

A actividade consistiu na preparación de canapés confeccionados cos produtos de máis saída na rula ribeirense, tales como xurelo, polbo, ameixa, cabala ou lirio. Para o desenvolvemento desta acción a medio camiño entre a formación e a promoción (na que o alumnado estivo organizado en dous grupos que, baixo a supervisión do profesor de Cociña, realizou diversas receitas e serviu os canapés ós asistentes) contouse ca colaboración da empresa xestora da lonxa, do programa PescadeRías da Consellería do Mar e da adega Pazo do Mar, para proporcionar unha maridaxe perfecta cos produtos pesqueiros.

Hamburguesa de lirio, ameixa con coandro e lima, lombos de xurelo con costra de noz e olivas, tataki de cabala ou vasiños de polbo á galega foron algunhas das receitas preparadas polos alumnos e alumnas nesta exaltación gastronómica na que tiveron a oportunidade de demostrar o seu bo facer ao longo destes meses de aprendizaxe.

HOSTALEIROS E ARMADORES. A xornada contou coa participación dun nutrido grupo de representantes do tecido hostaleiro e produtivo do municipio e da comarca do Barbanza, que se encargaron de degustar os pratos elaborados polos quince estudantes do taller O Pote baixo a coordinación do seu profesor, Patxi Movilla. Así, estiveron presentes directivos e traballadores dos restaurantes Casa Vilas, Luarada, Sursum Corda, Chicolino, Furancho, Xardín, Baiuca, Albariño, Benboa e Casa Hermo, así como da fábrica Congalsa, armadores de Aguiño e persoal da propia lonxa ribeirense (que aportou os produtos do mar cociñados) e da citada adega, que contribuíu cos viños cos que se maridaron os pratos preparados.

Tamén estivo implicado na iniciativa o selo autonómico PescadeRías, cuxa técnica, Ana Pérez, se encargou de ir explicando algunhas das virtudes das materias primas utilizadas durante o showcooking.

Pola súa banda, Jandro Ayaso, responsable de comunicación da lonxa, destacou a riqueza e calidade dos produtos que se comercializan na rula.

NOVO OBRADOIRO. Por parte do Concello estivo presente a primeira tenente de alcalde, María Sampedro, quen agradeceu a presenza e colaboración de todos os asistentes e anunciou que (cando está a piques de rematar o obradoiro formativo O Pote) xa está en marcha o proceso selectivo para desenvolver un novo obradoiro de emprego de cociña co que seguir incidindo na formación en materia gastronómica no municipio. Denominarase O Pote 2 e contará coa participación doutros quince alumnos e alumnas que realizarán a aprendizaxe nesta Escola de Hostalería da capital barbanzá.

AXUDAS Á CONTRATACIÓN. María Sampedro recordou tamén que aínda está aberto o prazo para que as empresas hostaleiras que o desexen poidan beneficiarse dos incentivos concedidos pola administración local ribeirense para a contratación de alumnado desta escola.

A este respecto, cómpre recordar que, segundo se establece nas bases aprobadas a tal efecto, preténdese financiar a contratación a xornada completa de ata quince estudantes por un período mínimo de tres meses, cunha subvención única por traballador de 1.500 euros.

areadecompostela@elcorreogallego.es

22 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.