Comeza no coworking da Pobra un campus de emprendemento con perspectiva de xénero
Cando remate, as mulleres participantes disporán de titorías para darlle forma aos seus proxectos de empresa
A Pobra. Continuando coa súa firme aposta pola dinamización do espazo do coworking e por fomentar a cultura do emprendemento, a concellería de Promoción Económica da Pobra do Caramiñal impulsa un campus de emprendemento con perspectiva de xénero que se desenvolverá no mes de xuño.
Trátase dun proxecto formativo dirixido a mulleres seguindo a metodoloxía teórico-práctica e disponse dun total de quince prazas.
Así o adiantaron nunha visita a ditas instalacións a concelleira de dito departamento municipal, Charo Varela; a técnica municipal desta área, Sara Sánchez; e Fátima Rodríguez, en representación da empresa Promove, que se encarga da asistencia técnica do proxecto.
O programa divídese en dúas xornadas; a primeira terá lugar o día 3 de xuño a partir das 18.00 horas e consistirá na parte teórica, cunha xuntanza no propio espazo de traballo colaborativo, mentres que a segunda celebrarase o día 4, en horario de 10.00 a 18.30 horas, e consistirá nunha sesión práctica mediante visitas a empresas lideradas por mulleres e previamente identificadas pola súa boa xestión nos ámbitos económico, social e medioambiental. Estes negocios son Alma Galega, Raposiñas e En las Nubes.
Con esta nova proposta formativa, o Concello pobrense pretende crear espazos de encontro entre as asistentes e empresarias da comarca do Barbanza, ao tempo que se dá visibilidade ás firmas seleccionadas.
Tras a súa participación neste campus, as emprendedoras terán a oportunidade de recibir titorías para traballar os seus perfís, analizar as ideas de negocio e mesmo solicitar espazo no coworking para traballar sobre os seus plans de empresa e a viabilidade de cada un deles.
As mulleres que estén interesadas en sumarse a esta iniciativa pódense anotar ata o vindeiro día un de xuño enviando un correo ao enderezo electrónico coworking@apobra.gal ou chamando ao número de teléfono 981 843 280, marcando a extensión 2035. suso souto