Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Comeza o Verán Cultural na vila rianxeira cunha vintena de espectáculos

Inclúe modalidades como a música, o cine, monólogos, a ciencia ou os monicreques

Rianxo. O Concello de Rianxo vén de dar a coñecer unha ampla e variada programación cultural para os meses de verán, que contempla máis de vinte propostas, a gran maioría gratuítas, que inclúen modalidades como a música, os monólogos, os monicreques, o cine, a ciencia, mostras e accións formativas.

Entre as novidades cabe destacar o Festival da Lúa (30 e 31 de xullo), unha experiencia de iluminación artística a desenvolver en varios edificios e lugares da vila.

No cartel tamén ten cabida o encontro internacional Zona da Zanfona (que comezou o pasado sábado e se prolongará ata o 11 de xullo, abrindo o Verán Cultural), así como o Festival Titiriberia (do 20 ao 24 de xullo) con representacións en todas as parroquias; a Feira do Libro (do 22 ao 25 deste mes, no campo de Arriba) e o Festival Noites de Jazz de Rianxo (do 4 ao sete de agosto) cos concertos de Miro Lamas Quartet, Valentín Caamaño Quartet, Volando Libre eHavana Soul.

Tamén merecen ser mencionados o espectáculo de baile A viaxe de Saira e agárgola do mestre Mateo (o día 11), coa participación da agrupación local Fogofatuo, ou os concertos de Óscar Ibáñez & Tribo, Barahunda ou Sabela King & the Heartbreakers.

En canto ás propostas da iniciativa privada, coas que colabora o Concello de Rianxo, é o espectáculo Tempos Modernos, do rianxeiro Duarte Galbán, a única actuación de pago do calendario, é o Rock in Rian, organizado pola asociación Festival Rock in Rian. Asemade, non falta na programación o ciclo de música de banda, organizado pola EMR, que incluirá concertos das bandas de Teo, Pobra do Caramiñal e a propia banda da EMR.

Resaltar que dada a situación sanitaria actual, a maioría dos espectáculos levaranse a cabo no exterior do CEIP Castelao, onde se habilitou un espazo con capacidade para 250 espectadores, que, no caso dalgún evento, poderá chegar ás 400 prazas. No suposto de mal tempo, estes trasladaranse ao teatro do centro sociocultural.

Dende a administración local lembran que a asistencia ás iniciativas implica, como sucedía ata agora, a solicitude previa na web municipal. Estas faranse efectivas só cando sexan confirmadas desde o concello, adxudicando unha localidade específica. m. t.

05 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.